A Xunta traballa en eliminar o acoso escolar co programa Acordamos ConVivir
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe nun taller no marco desta iniciativa no CEIP Plurilingüe de Centieiras
A iniciativa piloto, impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, chegará a alumnos de 5º e 6º de Primaria e dos catro cursos de Educación Secundaria Obrigatoria de 20 centros de ensino galegos
Fene (A Coruña), 5 de maio de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe no CEIP Plurilingüe de Centieiras nun taller do programa Acordamos ConVivir, co que alumnos de 5º e 6º de Primaria e dos catro cursos de Educación Secundaria Obrigatoria de 20 centros de ensino galegos están a aprender a facer fronte aos conflitos desde a mediación pacífica. Neste caso, a actividade estaba dirixida aos alumnos do último curso de primaria.
A iniciativa piloto, impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, enmárcase, como explicou Aneiros, “na aposta da Xunta por manter un bo clima de convivencia nos centros de ensino e eliminar o acoso escolar”. O programa realízase en colaboración coa Fundación Sergio Villar, creada para promover os valores de solidariedade, convivencia e apoio a colectivos vulnerables e que desenvolve parte da súa actividade en centros educativos da provincia da Coruña.
O programa desenvólvese en tres fases, ao longo das que o departamento educativo do Goberno galego proporciona aos centros participantes recursos específicos para a resolución pacífica dos conflitos e o fomento dunha educación baseada na convivencia, e o respecto, así como na promoción da non violencia en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, con especial atención ao acoso e ao ciberacoso.
As tres fases do proxecto
A primeira delas consiste nunha reunión co centro para recoller información inicial sobre as súas necesidades e particularidades, o que facilita a comunicación e o deseño personalizado das actuacións a implementar. A partir de aí, os estudantes participan en obradoiros sobre mediación de 50 minutos de duracións impartidos por unha entidade externa especializada.
Os talleres van dirixidos a identificar os principais elementos que configuran a conduta colaborativa (empatía, cooperación, diálogo...) como promotores de relacións sociais satisfactorias, sensibilizar sobre a necesidade de educar na xestión positiva dos conflitos co fin de previlos e practicar técnicas de comunicación afectiva consciente que favorecen a cooperación, a responsabilidade e o coidado das outras persoas.
A terceira fase, opcional para os centros, céntrase na organización de charlas informativas para profesorado e familias co fin de dar a coñecer estas prácticas e os seus efectos positivos. Desenvólvese unha por cada centro participante, cunha duración de dúas horas e media en horario de tarde para facilitar a asistencia.