Belén do Campo dá a saída ao tramo Padrón-A Coruña da Volta feminina e destaca a Galicia como referente do ciclismo e do deporte feminino
A representante do Goberno salientou a tradición ciclista de Galicia, o crecemento da práctica deportiva feminina e o impacto internacional dunha proba que proxecta Galicia como un destino deportivo e turístico de primeiro nivel
Padrón (A Coruña), 5 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, foi a encargada de cortar esta mañá a cinta de saída do tramo Padrón- A Coruña da Volta Feminina by Carrefour.es, unha das citas máis destacadas do calendario ciclista internacional e que comezou o domingo 3 de maio en Marín con Galicia como gran protagonista.
Belén do Campo puxo en valor “a fonda tradición ciclista da nosa comunidade e a consolidación de Galicia como escenario habitual das grandes competicións”, facendo referencia á celebración de probas xa plenamente asentadas no calendario deportivo como La Vuelta e O Gran Camiño.
A representante do Goberno autonómico lembrou ademais que Galicia conta “con algúns dos mellores equipos elite e sub-23 de España, así como cunha canteira deportiva de enorme nivel”, e destacou especialmente “o importante crecemento experimentado polo ciclismo feminino nos últimos anos, tanto en número de licenzas como en visibilidade, competitividade e presenza en grandes eventos”.
Belén do Campo destacou tamén o impacto internacional dunha cita destas características e a súa capacidade para proxectar Galicia máis alá do ámbito estritamente deportivo. “Cada etapa convértese nun escaparate privilexiado para amosar a beleza das nosas paisaxes, a riqueza do noso patrimonio e o enorme potencial da nosa terra como destino turístico de primeiro nivel”, sinalou.
Neste sentido, incidiu en que a retransmisión e seguimento mundial da proba contribúe a impulsar a marca Galicia Calidade e reforza a imaxe da comunidade como un escenario excepcional para a práctica do cicloturismo, grazas á ampla oferta de rutas de distinta dificultade e ás condicións naturais e paisaxísticas que ofrece o territorio galego para todo tipo de públicos.
A delegada da Xunta lembrou finalmente que La Vuelta Femenina by Carrefour.es regresa a Galicia despois de que a comunidade acollera no ano 2021 a Ceratizit Challenge by La Vuelta, antecedente da actual rolda feminina, que naquela ocasión se disputou integramente en territorio galego ao longo de catro etapas.
“Galicia volve estar hoxe no centro do mellor ciclismo internacional, demostrando unha vez máis a súa capacidade organizativa, o seu compromiso co deporte e o seu atractivo como escenario único para grandes eventos”, concluíu.