A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático interveu no debate dunha moción sobre o Regulamento Xeral de Costas no Senado
Galicia aposta pola colaboración institucional para modificar a normativa estatal de costas fronte á unilateralidade e falta de diálogo do Goberno central
Ángeles Vázquez reitera a petición das comunidades autónomas de que se suspenda a reforma do regulamento e se convoque de inmediato unha Conferencia Sectorial para abrir un proceso de diálogo transparente e leal sobre esta cuestión
Denuncia o intento do Ministerio para a Transición Ecolóxica de silenciar ás rexións e cuestiona que se xustifique a urxencia do proceso polo expediente aberto pola Comisión Europea cando é un máis do centenar de procedementos sancionadores abertos contra España, algúns deles desde hai máis de 20 anos
A conselleira asegura que nada xustifica esta modificación acelerada pois é contraria a dereito, invade competencias autonómicas e vulnera os dereitos adquiridos por miles de titulares de concesións no litoral que obraron confiando nos principios de seguridade xurídica e confianza lexítima
A Xunta defende a rigorosa xestión do litoral que realizan comunidades como Galicia, que impulsou a creación do rexistro de concesións costeiras, simplificou e dixitalizou a tramitación administrativa e unificou criterios nas tres provincias
Madrid, 6 de maio de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, defendeu hoxe na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado a importancia da colaboración e cooperación entre as distintas administracións en cuestións importantes como a modificación da normativa estatal de xestión do litoral. Un diálogo e consenso que, lamentou, non existe no procedemento iniciado polo Goberno central para reformar o Regulamento Xeral de Costas, no que está a primar a unilateralidade e deslealdade institucional.
Por este motivo, a representante da Xunta reiterou a petición das comunidades autónomas de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico suspenda a modificación do regulamento que está en marcha e convoque de inmediato a Conferencia Sectorial para abrir un proceso de diálogo transparente e leal co conxunto de axentes implicados e interesados nesta cuestión.
Nesta liña, lembrou que o diálogo e a participación son principios básicos do Estado autonómico e que o que está a facer o Goberno central é silenciar a voz das rexións malia que manifestaron en varias ocasións a necesidade de modificar a Lei de Costas para adaptala á realidade actual, pero pola vía do consenso e a seguridade xurídica.
Ángeles Vázquez denunciou na Cámara Alta o escurantismo e a falta de información existente no procedemento iniciado polo Ministerio e cuestionou a urxencia de reformar o regulamento co pretexto de evitar unha sanción derivada do expediente de infracción aberto pola Comisión Europea por non ter trasposta a directiva de servizos ao ordenamento xurídico español.
Un pretexto
A conselleira asegurou que se trata dunha mera escusa do Goberno central para acadar os seus fins ideolóxicos pois España ten abertos nestes momentos un centenar de procedementos sancionadores por parte de Bruxelas, algúns desde hai máis de 20 anos, e en ningún se mostra tanta urxencia e présas coma neste caso.
Neste sentido, incidiu en que non existe ningunha obriga inmediata que lexitime esta reforma acelerada -contraria a dereito e que invade competencias autonómicas- que vulnera os dereitos adquiridos por miles de titulares de concesións no litoral que obraron confiando nos principios de seguridade xurídica e confianza lexítima.
Agora, de xeito arbitrario ven ameazados eses dereitos cunha reforma do Regulamento de Costas que pretende limitar as concesións xa outorgadas (ata o punto de revogalas), restrinxir a posibilidade de dar novas concesións e cambiar tanto as regras como o propio taboleiro de xogo coa partida xa iniciada.
A estas accións totalmente arbitrarias e sen diálogo do Goberno central, Ángeles Vázquez contrapuxo a rigorosa xestión das comunidades co fin de facilitar a vida do conxunto da cidadanía. Como exemplos, lembrou que desde que Galicia xestiona plenamente a súa costa a Xunta impulsou a creación dun rexistro público de concesións -que o Ministerio nunca habilitou-, simplificou e dixitalizou a tramitación administrativa -pasando de numerosos documentos en papel a unha única solicitude por vía electrónica- e unificáronse criterios para dar seguridade xurídica aos administrados, que antes se enfrontaban a distintos requisitos en función da provincia á que pertencesen.
Todo isto, concluíu, demostra que as comunidades autónomas están preparadas para xestionar o seu litoral e que, de feito, son as que mellor o fan cando non teñen trabas como as que trata de poñer novamente o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico co fin de eliminar calquera vestixio de presenza humana da costa.