O responsable de Sanidade explicou no Parlamento de Galicia que o Executivo agardará por un pronunciamento xudicial definitivo para proceder á licitación da infraestrutura

Gómez Caamaño destaca o interese da xunta por facer realidade o centro integral de saúde de Ourense á maior brevidade con plenas garantías xurídicas

Subliña o compromiso firme da Xunta coa sanidade ourensá, que se pon de manifesto nos investimentos realizados nos últimos anos na cidade da Burgas

A Xunta destinará en 2026 unha partida de 703 M€ á sanidade pública da provincia de Ourense, unha cifra récord nos orzamentos desta área sanitaria

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe no Parlamento de Galicia o interese prioritario da Xunta por facer realidade o novo Centro Integral de Saúde de Ourense, un proxecto que agarda que se poida licitar “o máis axiña posible” e coas máximas garantías legais.

Durante a súa intervención, o conselleiro defendeu a xestión “rigorosa e dilixente” do Gobierno galego en todos os trámites necesarios para acometer a remodelación integral do centro de saúde Novoa Santos. Así, remarcou que esta actuación é considerada como “estratéxica” para adaptar a atención primaria de Ourense ás necesidades actuais da cidade.

Nesta liña, Gómez Caamaño lembrou que, de acordo a súa importancia, o Executivo declarou esta intervención como un proxecto público de urxencia e excepcional interese, unha fórmula legal que permite axilizar o desenvolvemento de infraestruturas estratéxicas. 

Segundo apuntou, ante a apertura dun proceso xudicial ao proxecto, a Xunta actuará con “prudencia” e “responsabilidade”, agardando por unha resolución definitiva para proceder á licitación da obra, e así garantir  a máxima seguridade xurídica para os veciños e profesionais do centro de saúde.

“Non renunciamos a dotar aos veciños de Ourense dun Centro Integral de Saúde de vangarda, nin moito menos. Apostamos por facelo coas máximas garantías e coa máxima seguridade. Ese é o noso deber como Administración“, referiu o máximo responsable da Sanidade galega.

O novo CIS de Ourense contará cun investimento de máis de 14 millóns de euros e superará o 5.600 m² de uso asistencial, o que permitirá reforzar os servizos actuais e incorporar novas prestacións neste centro de atención primaria.

Compromiso firme coa Sanidade ourensá

Durante a súa intervención, o titular de Sanidade lembrou que a aposta da Xunta pola cidade de Ourense é "clara e manifesta". Neste ano, o Executivo galego destinará unha cifra récord de 703,3 millóns de euros á sanidade pública da provincia, un 4,61 % máis que o ano anterior.

Entre as infraestruturas impulsadas recentemente pola Xunta en Ourense, o conselleiro lembrou as obras de reforma e ampliación do Complexo hospitalario Universitario de Ourense, entre as que destaca o investimento de 55 millóns de euros para a construción dun novo edificio de hospitalización e do Hospital Materno Infantil.

Así mesmo, incidiu na posta en marcha da nova Unidade de Coidados Intensivos (10 M€), a Unidade de Medicina Nuclear co primeiro equipo PET da zona (2,8 M€), ou a creación da nova Unidade de Ictus. 

O novo CIS de Ourense “representa o compromiso da Xunta cos seus veciños e faremos todo o posible para que a cidade conte co Centro Integral de Saúde que se merece”, concluíu Gómez Caamaño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2026