Medio Rural avanza nos traballos de prevención de incendios coa creación de cortalumes no distrito forestal XIV Verín-Viana

A conselleira María José Gómez comprobou hoxe as tarefas que está realizando o persoal deste distrito no concello de Laza, onde está a piques de rematarse a creación de cortalumes nunha superficie de 13,70 km

Lembrou que, aínda que a maior parte destas accións preventivas corresponden aos propietarios tanto das fincas como do monte, o Goberno galego fai todos os anos un importante esforzo nas actuacións propias coma esta

Destacou que este ano incrementouse un 50 % o investimento en prevención, chegando aos 75,38 millóns de euros, e que está previsto actuar en preto de 34.000 hectáreas ao longo de 2026

Puxo en valor o apoio que se brinda a concellos e propietarios través do novo convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, asinado coa empresa pública Seaga e ao que xa solicitaron a súa adhesión 295 concellos

Laza (Ourense), 6 de maio de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe o concello de Laza para comprobar os avances dos traballos de prevención realizados polo persoal do Distrito Forestal XIV Verín-Viana, que está a piques de rematar a creación de cortalumes nunha superficie de 13,70 km empregando maquinaria pesada.

Neste sentido, a conselleira explicou que estas infraestruturas preventivas contribúen de xeito moi positivo á prevención de incendios forestais, xa que crean descontinuidades de combustible no terreo para intentar frear o avance das lapas. Ao mesmo tempo, sinalou que os traballos de prevención que se están levando a cabo polo persoal do distrito son moi diversos e inclúen labores, algúns deles xa concluídos, de mellora e limpeza de depósitos de auga, así como queimas prescritas.

A conselleira lembrou que, aínda que a maior parte destas accións preventivas corresponden aos propietarios tanto das fincas como do monte, o Goberno galego fai todos os anos un importante esforzo nas actuacións propias como a que se está a desenvolver en Laza. Por iso, engadiu, noutros distritos forestais da provincia e no resto de Galicia, o persoal está a executar máis labores de prevención como son a limpeza de cunetas, as rozas mecanizadas ou a creación de máis cortalumes.

Incremento do orzamento en prevención

Gómez reafirmou que a prevención é unha prioridade para o Goberno galego e este ano incrementouse un 50 % o seu orzamento con respecto ao ano anterior, chegando aos 75,38 millóns de euros. Neste senso, detallou que está previsto actuar ao longo deste 2026 en preto de 34.000 hectáreas, entre as que se inclúen traballos en áreas cortalumes, creación de faixas auxiliares, mellora de pistas forestais e queimas prescritas. A maiores, engadiu tamén os apoios ás comunidades de montes para tarefas preventivas e os convenios cos concellos para maquinaria, brigadas e motobombas.

Así mesmo, a conselleira puxo en valor o apoio que se brinda a propietarios e concellos a través do novo convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, asinado coa empresa pública Seaga a finais do pasado ano cun orzamento anual de 25 millóns de euros, o dobre que no anterior. Lembrou que con esta colaboración ofréceselles apoio para realizar estas tarefas e axúdaselles a cumprir así as súas obrigas por lei. Neste sentido, destacou que actualmente están adheridos 295 concellos, entre eles o de Laza, e animou aos 18 municipios que aínda non o solicitaron, a facelo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2026