Nun encontro mantido esta mañá entre o director de Turismo e a concelleira do mesmo ámbito do Goberno local desta cidade

Turismo de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela acordan colaborar para desestacionalizar e regular os fluxos de visitantes

Xosé Merelles lembra que o Concello conta cun recurso de financiación extra derivado da taxa turística que debe ser xestionado de acordo o co sector

Emprazáronse a novas reunións e encontros aos que tamén se convidará a participar ao Arcebispado de Santiago

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2026

“Santiago de Compostela é a meta dunha das rutas de peregrinación de maior tradición de Europa e como tal é un punto de atracción turística de gran magnitude para Galicia”. Así o manifestou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, trala reunión mantida esta mañá coa concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago de Compostela, Miriam Louzao, na que ambos coincidiron na importancia da actividade turística para o desenvolvemento económico da cidade e o benestar da súa veciñanza.

Neste sentido, acordaron traballar na desestacionalización, sobre todo naquelas medidas xa impulsadas pola Xunta de Galicia, e o intercambio de información recollida por ambas partes en distintos puntos da capital de Galicia para así dispoñer de máis datos á hora de deseñar as políticas turísticas que se adopten no futuro.

Neste sentido, Xosé Merelles salientou que Turismo de Galicia ten instalados dous sensores en lugares estratéxicos da cidade e que o Concello dispón tamén dunha rede propia; “todos eles proporcionan datos de interese tanto para a Xunta como para o goberno local” e acordaron compartilos entre as dúas partes.

 “Toda esta información conxunta debúxanos un escenario no que preparar mellor o Xacobeo 2027”, destacou o director de Turismo de Galicia, introducindo outro dos temas abordados na xuntanza, e tamén no que habería que sumar ao Arcebispado de Santiago de Compostela para a ordenación dos fluxos no contorno da Catedral e casco histórico.

Xacobeo 2027

O director de Turismo de Galicia subliñou que a Xunta leva tempo traballando no deseño e planificación do vindeiro Ano Santo e puxo en valor o Plan director de Patrocinios do Xacobeo 2027 e tamén o programa ‘O Teu Xacobeo’. “Sen dúbida, moitas das accións incluídas nestes dous ámbitos terán Santiago de Compostela como un lugar no que realizar moitas das actividades que propoñen e é a nosa intención compartir tamén esta información co Concello para poder garantir o éxito das iniciativas pero tamén a satisfacción de quen participa nelas e se atopa cunha cidade receptiva e acolledora”.

O ámbito aeroportuario foi outro dos temas abordados polas dúas administracións turísticas. Xosé Merelles salientou o traballo realizado no grupo de trallo creado no marco do comité de coordinación aeroportuaria de  Galicia, no que se traballa para recuperar e incrementar a conectividade da comunidade.

Promoción do destino

O director de Turismo de Galicia lembrou que a Xunta está a desenvolver o Plan de Promoción Turística 2026, dotado con 13 millóns de euros que este ano inclúe máis de 150 accións en arredor de 20 mercados, que ten como eixos principais o Xacobeo 2027.

Xosé Merelles e a concelleira de Turismo de Santiago de Compostela analizaron as distintas posibilidades que ofrece o turismo MICE para a capital de Galicia e apostaron por redundar esforzos na captación de máis congresos e citas de negocios nesta cidade. Neste eido, lembraron que este segmento ten unha especial relevancia nos anos previos ao Xacobeo, polo que coincidiron na necesidade de reforzar a posición de Santiago como destino para reunións, eventos profesionais e congresos internacionais, contribuíndo así á desestacionalización e á mellora dos datos turísticos da cidade.

Finalmente, o director de Turismo de Galicia lembrou a colaboración entre ambas partes no marco do Plan de Sostibilidade Turística de Destino, que inclúen distintas actuacións neste eido, e no que a Xunta inviste 1M€. Ademais, o Concello de Santiago conta cunha fonte de financiamento extra derivada da taxa turística que “debe repercutida en medidas de turismo   sempre en consonancia co sector turístico”, afirmou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/05/2026