Medio Rural publicará a mediados deste mes unha nova liña de achegas con 8,6 M€ para a compra de equipamentos eficientes e agricultura de precisión
A conselleira María José Gómez visitou hoxe a Gandaría Liste, en Trazo, onde explicou que esta partida ten como obxectivo apoiar aos gandeiros e agricultores galegos diante do aumento dos custes de produción pola guerra en Oriente Medio
A través desta partida procúrase favorecer a modernización nas explotacións, ao tempo que se fomenta a eficiencia enerxética
O importe da axuda será, como mínimo, do 40 % dos custos elixibles, e poderá incrementarse ata o 75 % en función dos requisitos que cumpra a persoa solicitante
Esta convocatoria enmárcase dentro do paquete de medidas que está a impulsar a Xunta para axudar aos sectores que se están a ver máis afectados pola guerra en Oriente Medio, e que conta con 19,4 millóns de euros para o sector primario
Trazo (A Coruña), 7 de maio de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe as instalacións de Gandaría Liste, no concello de Trazo. Alí, sinalou que o Goberno autonómico publicará a mediados deste mes unha nova convocatoria para a compra de equipamentos eficientes e de agricultura de precisión, dotada cun orzamento de 8,6 millóns de euros, co obxectivo de apoiar aos gandeiros e agricultores galegos diante do aumento dos custes de produción pola guerra en Oriente Medio.
María José Gómez explicou que a través desta partida orzamentaria procúrase favorecer a modernización nas explotacións, ao tempo que se fomenta a eficiencia enerxética. Neste sentido, estas achegas promoven a incorporación de equipamento máis eficiente, como os robots, os carros mesturadores que analizan os compoñentes das racións de comida ou as máquinas de aplicación eficiente de fertilizantes e fitosanitarios. Tamén se impulsa a adquisición de equipamentos para agricultura de precisión.
Estas axudas poden ser solicitadas por titulares de explotacións, pero tamén por aquelas persoas que se establezan por primeira vez no agro e conten cun plan empresarial que inclúa actuacións ambientais, poñendo o foco no impulso da remuda xeracional no sector.
Ata o 75 % de axuda
O importe da axuda será, como mínimo, do 40 % dos custos elixibles. Esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 75 % en función dos requisitos que cumpra a persoa solicitante, como poden ser o caso dos investimentos en explotacións de agricultura ecolóxica, en zonas con limitacións naturais ou se se trata dunha persoa moza recentemente incorporada, entre outros. Neste sentido, o investimento mínimo elixible será de 12.500 euros, mentres que o máximo ascende a 100.000 euros.
Durante o seu percorrido polas instalacións desta granxa, a conselleira reafirmou a aposta do Goberno autonómico por este eido. Asegurou que a Xunta se situará “sempre” ao carón dos agricultores e gandeiros, “tendéndolles a man” cando se atravesan situacións complexas.
Gómez lembrou que esta convocatoria enmárcase dentro do paquete de medidas que se está a impulsar por parte do Goberno autonómico para axudar aos sectores que se están a ver máis afectados pola guerra en Oriente Medio. Esta iniciativa contempla un total de 19,4 millóns de euros para o sector primario, que inclúe estas achegas para a compra de maquinaria e 10,8 millóns de euros para a estratexia de promoción agroalimentaria.
Gandaría Liste
A conselleira puxo en valor o traballo desenvolvido por Gandaría Liste, unha explotación de vacún de leite que conta cunhas 400 vacas en muxido e preto de 100 hectáreas de base territorial dedicada maioritariamente a cultivos forraxeiros.