Arias súmase aos actos organizados pola Garda Real en Lugo no marco do seu ‘Exercicio 2026’
Lugo, 9 de maio de 2026
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, sumouse hoxe ás actividades organizadas pola Garda Real no marco do seu Exercicio 2026, que este ano se celebra en diferentes municipios da provincia. A capital lucense acolleu ao longo da xornada o desfile da Sección de Movementos Floreados e da Unidade de Música polas rúas do centro, unha ofrenda floral ante a Virxe dos Ollos Grandes na Catedral, e -xa pola tarde- un concerto na igrexa de San Pedro.
Dende principios de mes, a Garda Real está a despregar por toda a provincia diferentes actos abertos á cidadanía, como exhibicións, desfiles, exposicións e accións divulgativas sobre o seu traballo.
Na programación participan uns 600 efectivos e máis de 35 vehículos, 15 motocicletas Harley Davidson, 64 cabalos e 12 cans, pertencentes a todas as unidades da Garda Real. A súa presenza en Lugo finaliza mañá, cun acto de xura de bandeira para persoal civil que se desenvolverá a partir das 12,00 horas no parque Rosalía de Castro.