A Xunta destaca o potencial de Xapón como mercado estratéxico para impulsar a internacionalización das empresas galegas

A directora do Igape, Covadonga Toca, subliña que Galicia pechou 2025 con cifras históricas de exportacións e cun sector exterior cada vez máis diversificado e tecnolóxico

Salienta que a Antena do Igape no país asiático, activa desde 2024, xa impulsou accións con empresas e clústeres galegos de sectores como alimentación, automoción, tecnoloxía, industria ou saúde

Resalta que no 2025 un total de 253 empresas galegas exportaron ao mercado xaponés por valor de 151,6 millóns de euros, preto dun 25% máis que no ano anterior

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe o crecente interese das empresas galegas polo mercado xaponés e puxo en valor o papel que está a desempeñar a Antena do Igape en Xapón para facilitar a entrada das compañías galegas nun dos mercados máis sofisticados e esixentes do mundo. Fíxoo durante a inauguración da xornada Claves para acceder ao mercado xaponés: oportunidades para as empresas galegas, celebrada esta mañá en Santiago de Compostela.

Durante a súa intervención, Toca Carús sinalou que Galicia chega a este escenario “cun sector exterior cada vez máis sólido, diversificado e competitivo”, lembrando que a comunidade pechou 2024 con cifras récord de exportacións e que 2025 confirmou esa fortaleza internacional. Neste sentido, incidiu en que as empresas galegas “exportan cada vez con máis valor engadido, máis capacidade tecnolóxica e maior diversificación de mercados”, nun contexto internacional marcado pola incerteza xeopolítica e polos cambios nas cadeas globais de subministración.

A directora do Igape subliñou tamén que a internacionalización “xa non é unha política complementaria, senón unha ferramenta estratéxica para o crecemento empresarial”, motivo polo que a Xunta está a mobilizar este ano máis de 13 millóns de euros en programas de apoio á exportación e promoción exterior. Un apoio que inclúe accións vinculadas á participación en feiras internacionais, misións comerciais, prospección de mercados, implantación exterior ou marketing internacional e dixitalización.

O papel das Antenas do Igape

Neste marco, Toca puxo o foco no traballo das antenas do Igape, creadas para acompañar ás empresas galegas na súa entrada en mercados estratéxicos e reducir as barreiras de acceso internacional. Así, destacou que estas oficinas permiten ofrecer acompañamento práctico, contactos directos e coñecemento local ás empresas interesadas en abrir novas oportunidades de negocio no exterior.

A Antena do Igape en Xapón, activa desde abril de 2024, xa impulsou accións vinculadas a feiras internacionais como Foodex Japan, Mindtech, Stonegal ou Conxemar, ademais de misións inversas e encontros con entidades como Asime, Clusaga ou representantes do sector vitivinícola galego. Segundo explicou a directora, xa se xestionaron preto de trinta solicitudes de servizo de empresas galegas interesadas no mercado nipón.

Os datos, apuntou, avalan esta evolución. En 2025, un total de 253 empresas galegas exportaron a Xapón por valor de 151,6 millóns de euros, o que supón un incremento próximo ao 25 %. A automoción concentra máis do 60 % das exportacións galegas ao país asiático, aínda que tamén destacan sectores como o agroalimentario, o químico, a tecnoloxía, a saúde, a industria ou as solucións dixitais. “Xapón valora especialmente aspectos nos que Galicia destaca, como a calidade, a especialización, a capacidade industrial, a fiabilidade e as relacións a longo prazo”, concluíu Toca.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2026