A Casa de Galicia en Madrid pon en valor o Corpus Christi de Ponteareas e a súa proxección internacional
O director da Casa de Galicia destacou as alfombras florais de Ponteareas como exemplo de Galicia Calidade
Madrid, 12 de maio de 2026
A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta mañá a presentación do Corpus Christi de Ponteareas, unha das celebracións máis emblemáticas do calendario festivo galego, declarada Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural de Patrimonio Inmaterial.
Durante a súa intervención, Luis E. Ramos deu a benvida aos asistentes destacando o papel da Casa de Galicia como espazo de encontro e difusión da cultura galega na capital de España. O director sinalou que o Corpus Christi de Ponteareas “trascende o ámbito relixioso” para converterse nunha expresión colectiva da cultura popular galega, construída xeración tras xeración grazas á implicación da veciñanza e ao compromiso compartido por preservar unha tradición única.
Neste sentido, puxo en valor as alfombras florais que cada ano transforman as rúas da vila en “auténticas obras de arte efémera”, destacando que condensan “moitos dos valores que fan de Galicia Calidade: excelencia, esforzo compartido, tradición, creatividade e unha visión aberta ao mundo”.
Así mesmo, Ramos aproveitou a ocasión para convidar aos asistentes a visitar Galicia durante os próximos meses e descubrir a súa ampla oferta cultural, patrimonial e turística. Neste contexto, fixo referencia tanto á celebración do Corpus Christi de Ponteareas como ás múltiples festas, paisaxes, propostas gastronómicas e actividades culturais que ofrece a comunidade, así como ao eclipse total de sol previsto para o vindeiro 12 de agosto, un acontecemento astronómico para o que Galicia se posiciona como un dos mellores lugares de observación.
A presentación permitiu achegar ao público madrileño unha das tradicións máis singulares do patrimonio inmaterial galego, na que milleiros de persoas participan cada ano na confección artesanal das alfombras florais que cobren as rúas de Ponteareas na celebración do Corpus Christi.