Case 600 persoas aspirantes a auxiliares de Policía Local realizan hoxe en Silleda os primeiros exercicios do proceso selectivo
Tras esta primeira fase, a Academia Galega de Seguridade Pública acollerá as probas de aptitude física o 24 de maio
As persoas aprobadas e as incluídas na listaxe de reserva deberán realizar tamén un curso de formación teórico-práctico para ser contratadas
A través deste proceso selectivo cubriranse 74 prazas en 25 concellos
Silleda (Pontevedra), 14 de maio de 2026
Case 600 persoas aspirantes a cubrir 74 prazas auxiliares de Policía Local en 25 concellos galegos realizaron hoxe no recinto feiral de Silleda as primeiras probas do proceso selectivo. O primeiro dos cinco exercicios previstos no conxunto da oposición consiste nun test de coñecemento de 50 preguntas sobre o temario publicado. A continuación desenvólvese a proba de coñecementos do idioma galego para as persoas que non estean exentas.
Unha vez superada esta primeira fase, os aspirantes continuarán co proceso o 24 de maio na Academia Galega de Seguridade Pública, onde se realizarán as probas de aptitude física. Nestas deberán demostrar as súas capacidades de forza, resistencia, axilidade, flexibilidade e velocidade para as funcións que teñen que desempeñar. Consistirán en dúas probas: unha de potencia tren inferior con salto vertical e outra de resistencia xeral con carreira de 1.000 metros lisos.
Posteriormente, as persoas aspirantes aprobadas e as incluídas na listaxe de reserva deste proceso selectivo deberán superar un curso de formación teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade Pública de 24 horas lectivas en modalidade presencial como requisito indispensable para ser contratadas como auxiliares de policía local, agás que xa o realizaran con data 2023 ou posterior.
Os 25 concellos que convocan as 74 prazas son A Estrada, A Guarda, A Illa de Arousa, Baiona, Marín, Moaña, Poio, Soutomaior e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra; Arteixo, Bergondo, Boiro, Cabanas, Cedeira, Melide, Miño, Mugardos, Negreira, Noia, Oleiros, Ponteceso e Rianxo, na provincia da Coruña; Barbadás e O Barco de Valdeorras, na provincia de Ourense; e Mondoñedo, en Lugo.
A Xunta, a través da Agasp, realiza os procesos selectivos unitarios do persoal de Policía Local mediante convenios cos concellos que ceden esta competencia no Goberno galego.
Centro formativo de referencia
A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar as novas promocións de Policía Local ofrece accións formativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que garanten a seguridade da poboación galega. Así o plan de formación continua deste ano inclúe máis de 530 cursos que suman case 21.000 horas e con máis de 17.800 prazas.
En concreto, no eido da seguridade o plan de formación continua da Agasp para este exercicio inclúe 310 actividades formativas de case 14.000 horas con máis de 9.700 prazas reservadas para axentes da Policía Local, da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), da Policía Nacional e da Garda Civil, así como das organizacións sindicais policiais, entre outros.
Por outra parte, o persoal dos servizos de emerxencias dispón este ano de máis de 8.000 prazas para realizar máis de 7.000 horas lectivas nas 224 accións formativas programadas para voluntarios de Protección Civil e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como servizos de emerxencias municipais, axentes medioambientais e forestais e persoal de socorrismo.