Turismo de Galicia leva a ‘Luar na Lubre’ este verán ao Santuario das Ermidas
A emblemática banda galega celebrará no enclave ourensán os seus 40 anos de traxectoria cun concerto o vindeiro 16 de xullo ás 20.00 horas
En 2025 tamén actuou nesta contorna, da man de Turismo de Galicia, o lendario músico Carlos Núñez
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026
Turismo de Galicia impulsará este verán un concerto de Luar Na Lubre no Santuario das Ermidas, nunha proposta que une música, patrimonio e promoción do territorio. A actuación, enmarcada en Concertos do Xacobeo, terá lugar o próximo 16 de xullo ás 20.00 horas e formará parte da xira internacional ‘Lubre: 40 Aniversario’, coa que a histórica formación galega celebra catro décadas de traxectoria artística convertida nun símbolo da música folk galega e europea. As entradas pódense mercar en Ataquilla.com
O concerto terá lugar nun dos espazos patrimoniais máis singulares do interior galego, reforzando a aposta da Xunta por descentralizar a oferta cultural e dinamizar destinos de grande valor histórico e paisaxístico.
Con esta actuación no Santuario das Ermidas, segundo o director de Turismo de Galicia, “a Xunta continúa promovendo experiencias culturais singulares vinculadas ao patrimonio e á identidade galega, favorecendo ao mesmo tempo a dinamización económica e turística do territorio”.
Luar Na Lubre é, desde hai anos, unha das bandas de folk con maior proxección internacional. Ao longo da súa carreira publicou 20 traballos discográficos, vendeu máis de 350.000 exemplares e recibiu dous Discos de Ouro e nove Premios da Música. Recentemente foi distinguida coa Medalla Castelao 2025 da Xunta de Galicia.
A banda ofreceu máis de 2.500 concertos en máis de 60 países e participou nos principais festivais internacionais de música folk, compartindo escenario con artistas de renome mundial como Mike Oldfield, The Waterboys, The Corrs ou Bob Geldof, ademais de colaborar con destacados nomes da música española como Víctor Manuel, Miguel Ríos, Luz Casal, Ismael Serrano, Pedro Guerra ou Diana Navarro. Fundada na Coruña en 1986, Luar Na Lubre naceu coa vocación de interpretar, desenvolver e divulgar a música e a cultura galega, construíndo un repertorio baseado nas músicas de raíz desde unha perspectiva contemporánea e universal.
En 2025, Turismo de Galicia tamén apoiou a actuación do lendario músico galego Carlos Núñez neste singular espazo de gran valor patrimonial.