Galicia impulsa a mentorización sobre a industria musical entre a mocidade coa primeira edición dunhas xornadas de convivencia a finais de maio en Muxía

Esta actividade enmárcase no programa deste ano do Camiño do emprendemento musical, organizado por Wake Up coa colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Será un espazo de encontro entre profesionais e afeccionados e ao longo dos dous días terán lugar charlas e obradoiros con profesionais, que achegarán aos participantes os seus coñecementos nos diferentes ámbitos da industria musical

Ofértanse 40 prazas, das que 10 están reservadas para persoas usuarias da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia, que poderán beneficiarse de bolsas para formar parte desta acción

As persoas interesadas en asistir a estas xornadas poderán rexistrarse e obter máis información a través da web da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego

A seguinte acción do Camiño do emprendemento musical será o 4 de xuño en Santiago de Compostela, cunha xornada sobre produción e organización de festivais e outros eventos de gran formato

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026

A fin de semana do 29 e 30 de maio Muxía acollerá a primeira edición das Xornadas de Convivencia e Formación na Industria Musical, unha das actividades do programa deste ano do Camiño do emprendemento musical, organizado por Wake Up coa colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A iniciativa está orientada a introducir, formar e mentorizar á mocidade galega interesada en considerar a industria musical e de eventos como unha posible saída profesional.

Neste sentido, as xornadas, que tamén contan coa colaboración do Camping Lago-Mar, serán un espazo de encontro entre profesionais e afeccionados e ao longo dos dous días terán lugar charlas e obradoiros con profesionais, que achegarán aos participantes os seus coñecementos nos diferentes ámbitos que engloban a industria musical. Ademais, haberá actuacións musicais de artistas galegos e nacionais.

Nesta iniciativa ofértanse 40 prazas, das que 10 están reservadas para persoas usuarias da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que poderán beneficiarse de bolsas para formar parte desta acción. As persoas interesadas en asistir a estas xornadas poderán rexistrarse a través deste enlace da web da Rede de polos no que tamén poderán obter máis detalles sobre a iniciativa.

En concreto, a actividade comezará a partir das 16,30 h do venres 29 de maio, día no que se desenvolverán os obradoiros de promotores de eventos e de programación musical e finalizará con actuacións musicais. O sábado, 30 de maio, empezarán as actividades cunha andaina ás 11,00 h polo Camiño dos Faros – Ponte do Porto. Despois terá lugar un xantar con actuacións musicais e pola tarde serán as sesións de psicoloxía e saúde mental na industria electrónica e sobre o inicio e o desenvolvemento de carreira artística. Posteriormente, desenvolverase o Obradoiro de DJ e rematará con novas actuacións musicais.

Co apoio ao programa Camiño do emprendemento musical, do que forman parte estas xornadas, o Goberno galego promove o emprendemento neste campo a través do contacto directo con profesionais do sector, co fin de que as persoas participantes coñezan de primeira man os seus inicios, os retos actuais e as oportunidades reais de desenvolvemento profesional.

Próximas actividades do  Camiño do emprendemento musical

A seguinte cita do Camiño do emprendemento musical terá lugar o 4 de xuño en Santiago, cunha xornada centrada na produción e organización de festivais e outros eventos de gran formato. O 18 de xullo será a quenda de Viveiro, cun encontro enfocado nos festivais de pequeno formato e o seu impacto cultural. Xa en setembro, o día 25, A Coruña acollerá unha sesión de introdución ao mercado laboral no ámbito musical, con experiencias e consellos de profesionais do sector. A programación concluirá en Vigo o 30 de outubro cun acto de peche no que se porán en común as aprendizaxes do último ano. As inscricións para participar poderán facerse a través da web da rede de polos de emprendemento.

A iniciativa enmárcase no compromiso estratéxico do Goberno autonómico de potenciar as oportunidades laborais da mocidade e, ao mesmo tempo, promover o espírito emprendedor entre as xeracións máis novas, impulsando proxectos innovadores que contribúan á dinamización do territorio e á xeración de riqueza e emprego.

Data de actualización: 13/05/2026