Medio Rural reforza a loita contra os incendios forestais con máis medios, tecnoloxía e prevención
Así o destacou hoxe o director xeral de Defensa do Monte nunha comparecencia a petición propia na Comisión 7ª do Parlamento para presentar a actualización do Pladiga 2026
Explicou que este ano a rede de videovixilancia incorporará IA, que se ampliará a unidade creada para a xestión de grandes incendios e que se disporá de máis medios terrestres e aéreos, entre outras novidades
Por outro lado, o director xeral da Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias puxo en valor o investimento do Goberno galego de máis de 7 millóns de euros nos últimos catro anos para o fomento das razas autóctonas
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria detallou as actuacións que está levando a cabo a Consellería pola caída dos prezos do leite en orixe, así como as demandas ao Ministerio para que se modifique a Lei da Cadea e o Paquete Lácteo
Pola súa banda, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural lembrou que os concellos poden solicitar as axudas para a mellora de infraestruturas rurais que, desde o 2016, mobilizaron un investimento de máis de 170 millóns de euros
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, compareceu hoxe a petición propia na Comisión 7ª do Parlamento, onde presentou a actualización deste 2026 do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), que reforza a loita contra os lumes con máis medios, tecnoloxía e prevención.
Durante a súa intervención, explicou que o contexto de loita contra os lumes é cada vez máis complexo, con episodios meteorolóxicos extremos e unha maior intensidade dos incendios, como aconteceu no verán pasado. A todo isto sumou a simultaneidade e intencionalidade que se rexistra no noso territorio, xa que máis do 70 % dos incendios de agosto de 2025 foron intencionados, segundo os datos da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO).
Por iso, recalcou que o Pladiga 2026 non se limita a reforzar os medios de extinción, senón que adapta toda a planificación a este novo contexto e á realidade territorial de Galicia, apostando de forma decidida pola prevención, a innovación tecnolóxica, a formación continua do persoal e a colaboración cidadá. Neste sentido, anunciou que se porá en marcha un proxecto piloto coas comunidades de montes veciñais en man común e con empresas vinculadas ao sector forestal para que contribúan á detección temperá dos incendios forestais, unha iniciativa de colaboración a maiores do xa contemplado polo propio dispositivo neste eido.
Sobre a prevención puxo en valor o reforzo da colaboración cos propietarios e concellos para facilitar o cumprimento das súas obrigas en materia xestión da biomasa nas faixas secundarias, a través do novo convenio asinado a finais do ano pasado con Seaga e o cal está dotado cun orzamento de 25 millóns de euros, o dobre que o anterior. Destacou que actualmente están adheridos 295 municipios.
Así mesmo, destacou todas as actuacións preventivas que se desenvolven por parte da Consellería do Medio Rural, entre as que se atopan queimas prescritas; actuacións xa comprometidas por valor de 2,9 millóns de euros e outras en fase de licitación por outros 2,8 millóns; a construción de 16 novos puntos de auga; e actuacións realizadas con medios propios sobre máis de 1.000 hectáreas de cortalumes e áreas preventivas. A maiores súmanse os apoios ás comunidades de montes veciñais en man común e os convenios cos concellos para brigadas, tractor e motobomba.
En canto á innovación tecnolóxica, o director afirmou que é unha aliada na detección temperá, na vixilancia e na toma de decisión operativas. Por iso, este ano porase a disposición da cidadanía unha aplicación gratuíta para que poidan alertar sobre posibles incendios e afirmou que a previsión é que estea dispoñible para a temporada de alto risco de incendios. A maiores despregaranse tres drons, no marco dun convenio con Abanca, e integrarase a Intelixencia Artificial no sistema de vixilancia mediante cámaras.
No ámbito de medios persoais e materiais, lembrou que por primeira vez un terzo do dispositivo traballará ao longo de nove meses, mentres o resto xa o fai durante todo o ano, como consecuencia dun proceso de melloras a nivel de persoal. A maiores, explicou que este ano disporase de 42 brigadas máis na temporada de alto risco, de dous avións de carga en terra e un de coordinación e observación; e a incorporación dun helicóptero pesado. Ao mesmo tempo, reforzarase a Unidade de Directores de Extinción (UDEX), creada especificamente para a xestión dos grandes incendios.
Fomento das razas autóctonas
Pola súa banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, respondeu nesta mesma comisión a unha pregunta sobre o fomento das razas autóctonas. Neste sentido, destacou que nos últimos catro anos, desde a Consellería do Medio Rural investíronse máis de 7 millóns de euros para a conservación e o fomento dos recursos xenéticos autóctonos e engadiu que neste 2026 cóntase cun orzamento superior a un millón de euros.
Deste xeito, puxo en valor os convenios asinados coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), que integra ás sete organizacións de criadores das razas autóctonas en perigo de extinción Cachena, Caldelá, Limiá, Frieiresa, Vianesa, Ovella Galega e Galiña de Mos; coa Asociación Pura Raza Cabalo Galego, coa Asociación de Criadores de Raza Porco Celta, coa Asociación de Criadores de Pura Raza Galega, coa Asociación Nacional de Criadores de Raza Rubia Galega e co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, cunha dotación anual dos convenios de máis de 1,1 millóns de euros.
Salientou tamén outros apoios como son as axudas específicas de fomento das razas autóctonas a través das organizacións de criadores, dotadas este ano cun orzamento de 270.000 euros, para financiar os gastos de implantación e desenvolvemento dos programas de cría oficialmente aprobados e os programas de difusión da mellora. A maiores, lembrou as achegas para recriar razas autóctonas de ruminantes ameazadas de Galicia, convocadas o pasado ano e as cales se resolveron con case 370.000 euros.
Reclamacións ao Goberno central ante a baixada do prezo do leite
Nesta sesión, o director xeral da PAC e da Lei da Calidade Alimentaria, Juan José Cerviño, fixo tamén un resumo das actuacións levadas a cabo pola Consellería do Medio Rural ante a baixada do prezo do leite nos contratos asinados a principios do mes pasado. Neste contexto, indicou que se reforzaron de xeito inmediato os controis sobre os contratos lácteos para garantir que cumpran de xeito estrito a Lei da cadea alimentaria.
Ao mesmo tempo, intensificáronse as inspeccións sobre a trazabilidade e a etiquetaxe do leite. Cómpre sinalar que calquera irregularidade detectada respecto a prácticas desleais de mercado remitirase á Comisión Galega da Competencia e, no seu caso, ás autoridades nacionais deste mesmo ámbito, se é necesario.
Seguindo esta liña, lembrou tamén que se lle pide ao Goberno central unha modificación da Lei da Cadea Alimentaria para garantir a súa eficacia, na que se estableza un sistema estandarizado de cálculo dos custos de produción; ao tempo que se demanda unha modificación do Paquete Lácteo, para permitir o rexeitamento de ofertas polo prezo, garantindo que a cifra final non sexa inferior á non aceptada anteriormente, entre outras cuestións.
Actuacións para a mellora de infraestruturas rurais
Por último, a directora xeral da Axencia de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, lembrou que os concellos teñen á súa disposición axudas para mellorar as infraestruturas rurais. En concreto, destacou que desde o Goberno galego se levan investidos máis de 170 millóns de euros desde 2016 para este tipo de actuacións que melloren as vías de comunicación nestas contornas.
Neste senso, explicou que a última convocatoria do Plan Camiña Rural 2025-26 recibiu solicitudes de axuda para levar a cabo actuacións en 300 concellos galegos, co obxectivo de mellorar estas infraestruturas que son esenciais para o acceso ás explotacións agrogandeiras e forestais, así como para mellorar a mobilidade da veciñanza.