Medio Rural desenvolve unha estratexia de xestión integral contra as bandas do piñeiro no sector forestal galego

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, explicou hoxe as liñas fundamentais deste modelo nunha visita a zonas afectadas por esta doenza en Guitiriz

A actuación combina a xestión conxunta da propiedade mediante agrupacións forestais de xestión conxunta, a optimización da masa forestal a través da silvicultura preventiva e un sistema de alerta temperá baseado na monitorización de esporas

Guitiriz (Lugo), 13 de maio de 2026

A Consellería do Medio Rural está implementando un modelo de xestión integral contra as bandas vermella e marrón do piñeiro no sector forestal, tal como explicou esta mañá en Guitiriz a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, na súa visita a unha zona afectada por esta doenza.

Esta estratexia, segundo sinalou a directora, combina a xestión conxunta da propiedade mediante agrupacións forestais de xestión conxunta, a optimización da masa forestal a través da silvicultura preventiva e un sistema de alerta temperá baseado na monitorización de esporas para avisar aos silvicultores. Así mesmo, para potenciar a resiliencia dos piñeirais, realizarase tamén unha mellora da nutrición mediante abonos foliares.

Tratamentos gratuítos para particulares

Esta liña de traballo enmárcase na aposta do Goberno galego pola loita contra a banda marrón do piñeiro, un compromiso que tamén se materializa co apoio a particulares afectados. Así, Medio Rural está a ofrecer, por segundo ano consecutivo, tratamentos gratuítos para facer fronte a esta enfermidade.

Deste xeito, os propietarios dispoñen dun servizo que se ofrece desde o Goberno galego en colaboración coa Fundación Arume, que desempeña un papel de carácter técnico centrado na identificación de superficies, o contacto cos particulares e o impulso da xestión forestal conxunta.

Neste ano actuarase en montes de xestión privada con tratamentos en arredor de 4.000 hectáreas, ademais dos labores que se están realizando nos montes de xestión e utilidade pública afectados pola doenza. Todo isto, coa perspectiva de poñer en valor o monte galego dende unha perspectiva económica, social e ambiental, cunha xestión activa e sostible do recurso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2026