A Xunta licita por 6,7 M€ a compra de material de hemostasia, estenose e embolización con destino ás áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 15 de xuño para presentar as súas ofertas

É a primeira vez que este tipo de material vai ser adquirido mediante unha contratación centralizada, seguindo a liña iniciada polo Servizo Galego de Saúde

Suporá un aforro estimado superior aos 175.000 euros para cada ano de vixencia do contrato

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2026

A Xunta publica, por medio da Consellería de Sanidade, no Portal de Contratos a licitación, mediante acordo marco e por importe de 6.725.345 euros, do subministro sucesivo de material de hemostasia, estenose e embolización con destino ás áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde. 

O contrato ten unha duración inicial de dous anos. Atendendo ás posibles prórrogas previstas, por outros dous anos máis, o valor estimado ascende a 13.450.690 euros.

É a primeira vez que este tipo de material vai ser adquirido mediante unha contratación centralizada, seguindo a liña iniciada polo Servizo Galego de Saúde. Polo tanto, esta licitación global supón un paso máis na materialización dos plans de compras integradas do departamento sanitario galego, que suporá un aforro estimado superior aos 175.000 euros para cada ano de vixencia do contrato.

O material que adquirirá para as intervencións cirúrxicas que se realizan nas salas de radioloxía intervencionista e os quirófanos de cirurxía vascular son dispositivos percutáneos de peche vascular, stents para arterias cervicais, dispositivos intrasaculares e stents para aneurismas intracraneais.

O número de unidades que se mercarán, atendendo do consumo de anos anteriores, supera as 8.300 anuais.

Data de actualización: 14/05/2026