Martina Aneiros destaca a aposta do Racing Club Ferrol pola modernización e a colaboración co tecido empresarial coa nova Área 1919
Ferrol, 14 de maio de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu hoxe á inauguración por parte do Racing Club Ferrol da Área 1919, a nova zona hospitality do estadio de A Malata.
O espazo, destinado a empresas, patrocinadores e membros do Club de empresas RCF 1919, está ideado para mellorar a experiencia dos patrocinadores e colaboradores do club en días de partido, pero tamén para acoller actividades durante xornadas sen competición. “A apertura deste novo espazo amosa a aposta do Racing por seguir avanzando e modernizando as súas instalacións, cun proxecto que mira ao futuro desde a colaboración co tecido empresarial”, destacou Aneiros.
No evento estiveron presentes membros do consello de administración, encabezados polo seu presidente, Manuel Ansede, patrocinadores, membros do club de empresas e diferentes autoridades. A xornada contou tamén con dúas charlas-coloquio dirixidas pola xornalista Elba de la Barrera, que abordou os proxectos inminentes que afrontará o club, poñendo especial atención na futura cidade deportiva, así como a propia Área 1919, a súa concepción, funcionalidade e papel dentro da estratexia de crecemento do Racing.
A Área 1919 está situada na bancada de Tribuna Sur e conta cunha superficie de 150 metros cadrados distribuídos nunha zona xeral e outra VIP. O espazo comezará a formar parte da experiencia de partido este mesmo domingo 17, durante o encontro na Malata entre o club ferrolán e o Osasuna Promesas.