A Xunta investiu 220.000 euros na mellora dos últimos 3,5 quilómetros da LU-642 no Incio, dende a ponte sobre o río Cabe ata a Ferrería
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destaca que o Goberno galego cumpre así o seu compromiso de acondicionar ao completo esta estrada autonómica, que conecta Oural (Sarria) co municipio do Incio
O Incio (Lugo), 15 de maio de 2026
A Xunta acaba de mellorar 3,5 quilómetros da vía autonómica LU-642 no municipio do Incio, dende a ponte sobre o río Cabe, en Trascastro, ata o final da estrada no núcleo da Ferrería.
O delegado territorial, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado dos traballos, realizados con cargo ao contrato de conservación e mantemento das vías da Zona Sur da provincia de Lugo. O orzamento ascendeu a 220.200 euros.
A intervención consistiu no reforzo do firme con formigón bituminoso en todo o ancho da calzada. Ademais, renovouse a sinalización horizontal nese treito, situado entre os puntos quilométricos 19+700 e 23+280.
Arias destacou que o Goberno galego cumpre así o seu compromiso de rehabilitar ao completo esta infraestrutura de comunicación, que conecta Oural (Sarria) co municipio do Incio.
A Xunta acondicionou a vía en varias fases, a última executada no ano 2023 entre a igrexa de San Pedro Fiz de Hospital e a ponte sobre o río Cabe tamén no termo do Incio. O investimento nese tramo (pq 17+150 a 19+770) ascendeu a 139.000 euros.
O delegado subliñou que a Administración galega segue a traballar no mantemento e conservación da rede de estradas da provincia, co fin de garantir unha circulación más segura e cómoda para os usuarios