Máis dun cento de concellos reciben as axudas da Xunta para a elaboración dos Plans municipais para o risco de incendios forestais
O Goberno galego destina máis de 300.000 euros para contribuír a sufragar os custos de persoal dos servizos técnicos profesionais ou ao persoal propio dos municipios que se encargue de elaborar ou revisar estes plans
A medida beneficia as localidades cunha poboación inferior a 10.000 habitantes que teñen a obriga de contar con este instrumento conforme se determina no Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais (Peifoga)
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026
Un total de 128 concellos repartiranse máis de 300.000 euros das axudas activadas pola Xunta para o financiamento dos gastos de elaboración, revisión e implantación dos seus plans de acción municipal (PAM) para o risco de incendios forestais. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe os municipios beneficiarios da medida, que son todos os que a solicitaron, 113 para a elaboración do plan e 15 para a revisión por contar xa con el.
Trátase de localidades cunha poboación inferior a 10.000 habitantes que, ademais, teñen a obriga de contar con PAM ante o risco de incendios forestais conforme se determina no Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais (Peifoga). Do total de concellos beneficiarios 36 son da provincia da Coruña, 16 da de Lugo, 49 da de Ourense e 27 da de Pontevedra.
Coas achegas subvenciónanse os gastos nos que incorran os concellos entre o 1 de xaneiro e o 1 de novembro de 2026 para a elaboración ou revisión do PAM para risco de incendios. En concreto, fináncianse os gastos relativos a servizos técnicos profesionais que respondan á elaboración ou revisión destes plans, incluíndo os custos de implantación. No caso de elaborar o plan con persoal propio do municipio as axudas cobren os custos do persoal na parte proporcional. O importe máximo financiado pola Xunta cobre ata o 75% do custo total xustificado.
Os municipios beneficiarios deberán elaborar o documento seguindo a Guía para elaborar o PAM para o risco de incendios forestais da Xunta, así como os criterios técnicos comúns indicados na resolución de concesión da axuda a efectos de garantir a homoxeneización e integración da información no xeoportal de Protección Civil da Xunta. Ademais, teñen que remitir o plan subvencionado á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para homologar por parte da Comisión Galega de Protección Civil, con carácter previo á súa aprobación no Pleno do Concello.