O titular de Sanidade inaugurou hoxe en Santiago de Compostela a III Xornada Debate Asociación Nacional de Directivos de Enfermería (ANDE) 'Liderar la gestión, transformar el cuidado'
Gómez Caamaño destaca a cualificación e a capacidade dos profesionais da enfermería na atención e coidado dos pacientes
Subliña o papel da enfermería como o eixe vertebrador do sistema sanitario ante os retos do envellecemento, a cronicidade e a dispersión poboacional en Galicia
Explica que Galicia conta con 35 equipos de soporte de atención domiciliaria en atención primaria, os cales realizaron máis de 214.000 consultas e atenderon a máis de 177.000 pacientes desde a súa posta en marcha
O Servizo Galego de Saúde conta con máis de 13.000 profesionais de enfermaría contratados e acaba de realizar as probas para acceder a máis de 2.200 prazas nesta categoría
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá na inauguración da III Jornada Debate ANDE: Liderar la gestión, transformar el cuidado, un acto no que destacou a alta cualificación, a capacidade de atención e o liderado da enfermería como motor esencial na transformación do modelo sanitario actual.
Acompañado polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares; pola vicepresidenta da Asociación Nacional de Directivos de Enfermería (ANDE), Mercedes Ferro Montiú; e pola directora de Enfermería do área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, María Jesús Pérez, o responsable autonómico salientou o importante papel que desenvolve a enfermería ante os retos que afronta a comunidade galega, en alusión ao envellecemento e á dispersión poboacional.
Segundo apuntou o conselleiro, a estas peculiaridades demográficas engádese a cronicidade, condicionantes que obrigan a redimensionar as políticas sanitarias para ofrecer unha atención cada vez máis personalizada e especializada.
“A enfermería está chamada a desempeñar un papel fundamental como eixe vertebrador do sistema sanitario", incidiu Gómez Caamaño, remarcando o labor que desempeñan no ámbitos dos coidados sanitarios, a prevención de enfermidades e a promoción da saúde pública.
O conselleiro sinalou que a sanidade está a afrontar unha profunda transformación marcada por desafíos tecnolóxicos e sociais, que son especialmente esixentes en Galicia debido a que máis do 26 % da poboación supera os 65 anos.
"A enfermería está chamada a desempeñar un papel cada vez máis relevante na organización e transformación do noso sistema", incidiu.
Aposta polos coidados domiciliarios e a estabilidade laboral
Co obxectivo de dar resposta a estas necesidades, a Xunta desenvolveu a Estratexia Galega de Saúde 2030, que sitúa os coidados e a atención domiciliaria como elemento clave.
Actualmente a comunidade galega conta con 35 equipos de soporte de atención domiciliaria en atención primaria, os cales realizaron máis de 214.000 consultas e atenderon a máis de 177.000 pacientes dende a súa posta en marcha.
O conselleiro lembrou o compromiso do Goberno galego coa especialización e puxo en valor a aposta da Xunta polo emprego estable entre os profesionais do Servizo Galego de Saúde.
Nesta liña, Gómez Caamaño destacou as recentes probas de acceso convocadas pola administración sanitaria galega, nas que a Xunta ofertou máis de 2.200 prazas de enfermería.
Esta aposta permite que o sistema sanitario galego conte hoxe con máis de 13.000 profesionais contratados na categoría de enfermería, o que sitúa a ratio da comunidade na media do Estado español.