A Xunta adxudica por 1,8 M€ as obras da nova área de Cirurxía Maxilofacial de Vigo, que se emprazará no Hospital Meixoeiro

Estará dotada con equipamento de última xeración e contará con 3 consultas, unha sala polivalente, unha sala de espera, unha sala de simulación, un despacho e unha sala cirúrxica

De xeito inicial atenderá pacientes da área de Vigo e tamén da de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

A obra leva aparellada a reestruturación dos tres quirófanos de cirurxía local, co que se mellorará a cobertura de toda a actividade cirúrxica do hospital

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, adxudicou as obras da nova área de cirurxía maxilofacial do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, que se emprazará no Hospital Meixoeiro. As obras foron adxudicadas á empresa Elecnor Servicios y Proyectos, S.A.U. por importe de 1.768.792,90 euros.

As actuacións obxecto do contrato consisten na construción dunha nova área de cirurxía maxilofacial neste hospital, creando tres consultas, unha sala polivalente, unha sala de espera, unha sala de simulación, un despacho e unha sala cirúrxica.

A obra, cuxo prazo de execución é de nove meses, leva aparellada a reestruturación dos tres quirófanos de cirurxía local, co que se mellorará a cobertura de toda a actividade cirúrxica do hospital.

Está previsto que, de xeito inicial, a unidade atenda persoas pertencentes ás áreas sanitarias de Vigo e de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

A nova unidade de maxilofacial estará dotada con equipamento de última xeración. Para isto, o Servizo Galego de Saúde adquiriu un ortopantomógrafo dixital que permite realizar radiografías panorámicas da boca, cunha imaxe de ambos os dous lados do maxilar, da mandíbula e dos dentes, para identificar os problemas orais dos pacientes en 3D. Ademais, as imaxes poden ser visualizadas desde a plataforma de historia clínica electrónica IANUS de forma inmediata.

Este equipo supón importantes vantaxes, tanto para os pacientes como para os profesionais do Hospital Meixoeiro, dado que emite menor radiación, conta cunha  resolución de imaxe de maior calidade que a radiografía analóxica e garante a  trazabilidade da información do paciente.

Data de actualización: 19/05/2026