El Corte Inglés fomenta a doazón de sangue en tres dos seus principais establecementos en Galicia
Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará nas superficies comerciais das cidades de A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) achegarase ao longo da xornada do xoves 21 de maio ata aos establecementos de El Corte Inglés nas cidades de A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, dentro dunha campaña especial de doazón que conta co apoio das xerencias desta popular empresa española.
El Corte Inglés conta cunha longa traxectoria de colaboración no desenvolvemento de iniciativas destinadas a fomentar a doazón entre os seus traballadores e traballadoras, comezando a recibir visitas das unidades móbiles da Axencia no ano 1994.
Nesta ocasión, a ADOS estará en tres dos seus establecementos máis destacados en Galicia, sendo posible doar nas unidades móbiles estacionadas na parada de taxis da Rúa Ramón y Cajal fronte a El Corte Inglés A Coruña, na entrada principal do establecemento que a empresa ten en Santiago de Compostela e na Rúa Ecuador, fronte á porta de persoal, no caso de El Corte Inglés en Vigo. Durante toda a xornada, os profesionais dos establecementos poderán acudir a doar das 09: 30 ás 14: 30 e das 15: 30 ás 21:00 horas.
Traxectoria de colaboración
El Corte Inglés constitúe unha empresa referente de solidariedade en Galicia e leva acollendo campañas de doazón de sangue desde o ano 1994, acadando 7.815 doazóns no transcurso das tres últimas décadas. Anualmente, as campañas de doazón de sangue desenvolvidas pola Axencia nos establecementos de El Corte Inglés en Galicia, supoñen ao redor de 250 doazóns de sangue, unha cifra que permite realizar, por exemplo 125 operacións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a 50 doentes oncolóxicos. A colaboración e altruísmo amosado polas nosas empresas, como El Corte Inglés, resulta fundamental para poder garantir as reservas de sangue en niveis axeitados e posibilitan atender ás necesidades diarias de compoñentes sanguíneos do noso sistema sanitario.
A Axencia quere amosar o seu recoñecemento á xerencia de El Corte Inglés pola súa especial sensibilidade a prol da doazón de sangue, xa que a implicación das empresas para permitir o desenvolvemento destas campañas dentro da xornada laboral é fundamental para facilitar a participación dos seus traballadores e traballadoras.
Para máis información, ADOS dispón do portal web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.