A Xunta reforza o apoio ás entidades do terceiro sector coa convocatoria de axudas para programas sociosanitarios

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou o Servizo de Atención Residencial Terapéutica Coral Seoane, de Aspanaes, entidade beneficiaria o ano pasado destas subvencións

A convocatoria actual conta cun crédito de 300.000 euros e mantén aberto o prazo de solicitudes ata o 29 de maio

Ferrol, 20 de maio de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o Servizo de Atención Residencial Terapéutica Coral Seoane, de Aspanaes, entidade que foi beneficiaria o ano pasado das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario. Alí mantivo unha reunión coa vicepresidenta da entidade, Mercedes Fernández, co director xerente, Daniel Vieitez, e coa directora do centro, Araceli Blanco.

A asociación recibiu na pasada convocatoria unha achega de 12.000 euros para o seu programa de apoio psicolóxico para persoas con trastorno do espectro autista e as súas familias. Durante a visita, Aneiros felicitou á asociación “polo seu labor de máis de catro décadas”.

A representante do Goberno galego, aproveitou a ocasión para recordar que o prazo de solicitude da nova convocatoria destas axudas está aberto ata o 29 de maio. “Con estas subvencións, o executivo busca axudar ao aumento da autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración das persoas que participen nestes programas”, explicou Aneiros.

Os programas subvencionables por esta orde deben ser de carácter sociosanitario no eido da rehabilitación fisioterapéutica, logopédica, cognitiva, terapia ocupacional e apoio psicolóxico, destinados á atención e rehabilitación dos colectivos correspondentes ás tres liñas de actuación contempladas na convocatoria, estando a primeira adicada ás enfermidades neurodexenerativas (incluíndo alzhéimer, demencias e párkinson); a segunda ao dano cerebral adquirido, parálise cerebral e epilépsia; e a terceira ás enfermidades raras, linfedema, síndrome de Down e outras patoloxías crónicas graves ou de evolución prolongada que precisen intervención sociosanitaria. Ademais, estes programas deberán levarse a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2026.

As entidades só poderán solicitar axuda para un único programa, e a contía solicitada non poderá ser menor de 4.000 euros nin maior de 12.000 euros. A convocatoria actual conta cun crédito de 300.000 euros distribuído en 125.000 euros para a primeira liña, 75.000 euros para a segunda e 100.00 euros para a terceira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2026