Rueda visita Navalia, a Feira internacional do naval máis importante do sur de Europa que sitúa Galicia como referente deste sector
A comunidade conta con 3.000 empresas vencelladas a toda a cadea de valor do naval, que xeran 60.000 empregos e representan o 20% do PIB autonómico
A Xunta aprobou o pasado ano o Plan director do naval, dotado de 63 M€, para mellorar a competitividade e modernización deste eido
O Goberno autonómico conta con medidas específicas para que o sector reforce a súa presenza no eido da seguridade e a defensa e aproveite a oportunidade de enerxías como a eólica mariña
Vigo, 20 de maio de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe a Feira internacional da industria do naval (Navalia) que se celebra ata mañá en Vigo e que reúne a 1.200 empresas de Europa, China, Latinoamérica ou o sudeste asiático. Trátase da feira sectorial máis importante do sur de Europa que permite situar Galicia como referente neste eido.
O naval e toda a cadea de valor desta industria é un dos principais motores da economía galega. A comunidade conta con 3.000 empresas vencelladas a este eido, que xeran 60.000 postos de traballo -o 40% do emprego industrial de Galicia- e que representan o 20% do PIB autonómico.
A Xunta leva anos apoiando ao sector para fomentar a súa competitividade, modernización e adaptación a novos nichos de mercado como as enerxías renovables -principalmente a eólica mariña- ou consolidar o seu papel en sectores estratéxicos en auxe como o da defensa e a seguridade.
Para iso, o Goberno autonómico aprobou o pasado ano o Plan director do naval, dotado de case 63 millóns de euros e con medidas específicas para fomentar este sector. Ademais, está en marcha a Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo de Galicia, dotada de 183 millóns de euros e con horizonte 2030, para apoiar ás empresas que queiran adaptar a súa produción a este tipo de elementos e o Consello da Xunta aprobou o pasado luns unha nova aceleradora empresarial, centrada no eido da enerxía (Bussines Factory Energy) para acompañar e asesorar na creación de novos proxectos industriais vencellados a este sector.
Ademais, a Xunta traballa man a man co tecido produtivo para apoialo en retos como a cobertura de vacantes, o absentismo laboral, a necesidade dunha formación para o emprego máis flexible ou a remuda xeracional.