Medio Rural convoca a nova liña de axudas para a adquisición de equipamentos eficientes e de agricultura de precisión, dotada con 8,6 M€

Hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia a convocatoria destas achegas, que se enmarca dentro do paquete de medidas impulsado polo Executivo galego para axudar aos sectores que se están a ver máis afectados pola suba dos custes de produción

O obxectivo desta orde é favorecer a modernización dos equipos das explotacións e fomentar nelas o uso de tecnoloxías que permitan unha utilización máis eficiente dos recursos naturais nos procesos produtivos

Poderán beneficiarse os titulares de explotacións agrarias e tamén aquelas persoas mozas que se establezan por primeira vez no agro e que conten cun plan empresarial que inclúa actuacións ambientais

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2026

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se convocan as achegas para promover a adquisición de maquinaria eficiente e de agricultura de precisión, dotada con 8,6 millóns de euros. A convocatoria enmárcanse dentro do paquete de medidas impulsado polo Executivo galego para axudar aos sectores que se están a ver máis afectados pola suba dos custes de produción derivada da guerra en Oriente Medio.

O obxectivo desta convocatoria é favorecer a modernización dos equipos das explotacións e fomentar nelas o uso de tecnoloxías que permitan unha utilización máis eficiente dos recursos naturais nos procesos produtivos. Con elas preténdese tamén promover a incorporación nas granxas de equipamento máis eficiente enerxeticamente, o que contribúe a aumentar a rendibilidade ambiental do sector agrario.

A través destas achegas facilitarase a adquisición de maquinaria agrícola que optimice a xestión de recursos, como é o caso do carro mesturador con análise Nir da ración, tractor con clasificación enerxética A e robot; así como aquela relacionada coa xestión eficiente de estercos e xurros; e coa aplicación de fertilizantes e produtos fitosanitarios. Tamén poderán financiarse os compoñentes de agricultura de precisión que sexan necesarios para adaptar os equipos existentes na explotación.

Ata 100.000 euros de axuda

Poden beneficiarse destas axudas os titulares de explotacións, pero tamén aquelas persoas que teñan unha axuda concedida de incorporación de mozos ao agro e conten cun plan empresarial que inclúa actuacións ambientais, poñendo o foco no impulso da remuda xeracional no sector.

O importe da axuda será, como mínimo, do 40 % dos custos elixibles. Esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 75 % en función dos requisitos que cumpra a persoa solicitante, como poden ser o caso dos investimentos en explotacións de agricultura ecolóxica, en zonas con limitacións naturais ou se se trata dunha persoa moza recentemente incorporada, entre outros. Neste sentido, o investimento mínimo elixible será de 12.500 euros, mentres que o importe máximo da achega ascende a 100.000 euros.

Plan estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027

Estas achegas enmárcanse no Plan estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027 e están cofinanciadas nun 60 % con fondos Feader, nun 12 % pola Administración Xeral do Estado e nun 28 % pola Xunta de Galicia. O orzamento total está dividido en dúas anualidades, con 5,7 millóns de euros para a de 2026 e 2,9 millóns para a de 2027.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260521/AnuncioG0426-120526-0001_gl.html

Data de actualización: 21/05/2026