A Xunta destaca os máis de mil proxectos atendidos no polo de emprendemento do Porriño e o seu labor a prol da remuda xeracional en sectores como o comercio

O Porriño (Pontevedra), 21 de maio de 2026

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe no arranque da xornada Emprender sen empezar de cero, organizada no Polo de emprendemento e apoio e emprego do Porriño no marco da Semana da Administración Aberta 2026. Alí, destacou as posibilidades que ofrece a Bolsa Remuda dispoñible na Rede de polos para coller o testemuño de negocios que funcionan pero que están a piques de pechar por motivos como a xubilación dos seus titulares. Poñendo en valor o traballo técnico que se está a levar a cabo para conectar persoas emprendedoras neste caso, engadiu a axuda que ofrece o Bono Remuda, tanto para quen deixa de rexentar a empresa como para quen decide asumila.

Neste contexto, a representante autonómica aproveitou a xornada para poñer de relevo o labor do Polo do Porriño, salientando que leva atendido máis de mil proxectos, entre eles preto dunha trintena de casos de remuda abertos en sectores como o do comercio. Así, o equipo técnico do centro porriñés realizou unhas 2.200 sesións de titoría gratuítas e individualizadas co gallo de dar resposta ás persoas emprendedoras que acudiron ás instalacións (un 56 % delas, mulleres), adaptándose ás fases concretas dos seus proxectos. Por sectores, destaca o comercio (15 %), seguido da categoría doutros servizos (12 %) e da hostalaría (11 %). Canto ás actividades, o Polo do Porriño ten organizado máis dun cento, entre reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2026