A Xunta celebra o Día das Familias coa promoción de Policía Local que se está a formar na Agasp
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acompañou os futuros axentes nunha xornada na que lle ensinaron aos seus familiares as instalacións da Academia e como é o seu día a día nestes meses de curso selectivo
A Estrada (Pontevedra), 22 de maio de 2026
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, compartiu hoxe co cento de alumnos da 18ª promoción de Policía Local que se están a formar na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) o Día das Familias, unha cita anual xa consolidada que se está a converter nunha tradición. Nesta xornada puxo en valor que as familias poidan coñecer as instalacións e a actividade diaria do alumnado durante estes meses de formación nos que a Agasp se converte na súa segunda casa.
Da 18ª promoción de Policía Local forman parte os aspirantes que superaron o proceso selectivo unitario para optar un cento de prazas en 36 concellos, ás que se suman prazas doutros municipios que convoquen vacantes á marxe das oposicións unificadas.
O próximo 26 de xuño rematarán a primeira parte da parte teórica, nos meses de verán realizarán prácticas nos seus concellos de orixe e en outubro volverán á academia para rematar o curso selectivo antes de tomar posesión dos seus postos.