O Diario Oficial de Galicia publica o pacto de selección de persoal estatutario temporal asinado entre o Servizo Galego de Saúde e as organizacións sindicais

O pacto prodúcese logo do acordo unánime coas organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial: CIG, CSIF, CCOO e UGT

Permitirá avanzar na consolidación dos dereitos do persoal temporal do Sergas en aspectos como a conciliación, a protección da maternidade, a transparencia, a publicidade dos criterios de xestión ou a selección do persoal licenciado sanitario

Como principal novidade, configúrase un procedemento para a xestión de chamamentos telemático, que substituirá de forma progresiva ás chamadas telefónicas

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se dispón a publicación do pacto de selección de persoal estatutario temporal do sistema público de saúde asinado o pasado mes de marzo entre o departamento sanitario galego e as organizacións sindicais.

A sinatura do novo pacto produciuse logo do acordo unánime coas organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Sanidade (CIG, CSIF, CCOO e UGT), permitindo avanzar na consolidación dos dereitos do persoal temporal do Servizo Galego de Saúde, en aspectos tan destacados como a conciliación da vida laboral e familiar, a protección da maternidade, a transparencia e publicidade dos criterios de xestión ou na selección de persoal licenciado sanitario.

Como principal novidade, o pacto incorpora a posibilidade de ofertar contratacións por medios telemáticos. Ata agora só existía o chamamento telefónico. Isto levará aparellado un importante desenvolvemento técnico, cuns prazos progresivos de entrada en funcionamento.

Esta novidade dotará o proceso de contratación temporal dunha maior axilidade e celeridade, buscando acadar unha pronta resposta ás necesidades asistenciais que xurdan, ao tempo que se consegue unha maior comodidade para os aspirantes.

Cómpre destacar que no ano 2025 había 97.830 profesionais inscritos no sistema de listaxes, dos cales 14.605 eran novas inscricións respecto do ciclo anual anterior. Formalizáronse no Servizo Galego de Saúde durante o pasado ano 279.303 contratos.

Este pacto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, coa excepción dos puntos que impliquen un desenvolvemento técnico, os cales se irán implantando de maneira progresiva durante a súa vixencia.

 

Data de actualización: 25/05/2026