A Xunta dá luz verde ambiental á instalación dunha planta solar fotovoltaica para autoconsumo no porto exterior de Ferrol-San Cibrao
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a actividade teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
Con esta nova instalación, que ocupará unha superficie de 12,89 hectáreas, búscase unha alternativa sostible e eficiente ao consumo enerxético da área portuaria
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental a un proxecto para a instalación dunha planta solar fotovoltaica destinada a autoconsumo no porto exterior de Ferrol-San Cibrao, localizada no terreo adxacente ao perímetro da propia instalación portuaria.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polos promotores foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de oito organismos interesados.
Froito desas consultas, realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra certas condicións establecidas nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como patrimonio natural; integración paisaxística e restauración:; augas e leitos fluviais; protección da atmosfera, da poboación, da saúde, do solo e das infraestruturas; e xestión de residuos, entre outras cuestións.
Unha vez emitido o IIA, que non exime aos promotores da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e nos próximos días daráselle publicidade mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia DOG e a través da páxina web da Consellería.
En canto ao proxecto, promovido pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, ocupará unha superficie de 12,89 hectáreas en terreos localizados integramente no concello de Ferrol.
O obxectivo é que a futura planta proporcione unha alternativa sostible ao consumo enerxético do porto e diminuír así a dependencia de combustibles fósiles das instalacións, mellorando á vez a súa eficiencia enerxética.
En total, a actuación prevista terá unha potencia en paneis de 19,8 MWp e dividirase en dous proxectos de autoconsumo fotovoltaico instalados no solo con estrutura fixa, de 6,49 MWp e 13,3 MWp, respectivamente.