A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria compareceu na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento

O Sergas incrementou nun 62 % o persoal de servizos xerais desde 2010, chegando a 1.311 prazas estruturais

A directora xeral incide no papel esencial destes profesionais, que sosteñen a accesibilidade real ao sistema, xestionan o primeiro contacto coa cidadanía e garanten o funcionamento diario de toda a estrutura os 365 días do ano

Explica que a Xunta realizou probas piloto e ofreceu formación previa á posta en servizo dun novo aplicativo para a xestión da tarxeta sanitaria, que dispón dunha liña específica de soporte 24 horas

Na primeira semana de funcionamento deste novo aplicativo rexistráronse 16.266 actuacións, fronte ás 14.141 da semana previa, o que demostra que absorbeu maior volume de actividade

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2026

O Servizo Galego de Saúde pasou de 810 prazas estruturais de persoal de servizos xerais (PSX) en 2010 a 1.311 no presente ano, o que supón 501 prazas máis e un incremento do 62 % dentro dunha tendencia continuada e sostida de reforzo.

Así o destacou a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento, onde respondeu a unha pregunta sobre persoal de servizos xerais, auxiliares administrativos e celadores de atención primaria.

Respecto da implantación dun novo aplicativo para a xestión da tarxeta sanitaria, explicou que previamente ao despregamento xeneralizado desta ferramenta informática realizáronse pilotaxes previas e, posteriormente, desenvolveuse formación para referentes das sete áreas sanitarias, ademais de contar coa liña específica de soporte 24 horas.

O proceso continúa aberto, mantendo o compromiso de impulsar novas accións formativas a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, ademais das 152 actividades xa dispoñibles.

A representante da Consellería de Sanidade detallou que este aplicativo xa leva dous anos funcionando no ámbito hospitalario e, en atención primaria xa existían funcionalidades implantadas desde hai un ano. Así mesmo, con dez días de antelación á posta en marcha, remitiuse ao persoal un manual de uso.

Sofía López referiu que, na primeira semana logo da implantación do programa, rexistráronse 16.266 actuacións relacionadas coa tarxeta sanitaria, fronte ás 14.141 da semana previa, o que demostra que absorbeu maior volume de actividade.

Papel fundamental do Persoal de Servizos Xerais

A directora xeral puxo en valor a capacidade de adaptación, compromiso e profesionalidade do persoal de servizos xerais ante procesos continuos de transformación organizativa e dixitalización.

Así mesmo, incidiu no papel esencial do persoal de servizos xerais, xa que sosteñen a accesibilidade real ao sistema, xestionan o primeiro contacto coa cidadanía e garanten o funcionamento diario de toda a estrutura os 365 días do ano.

Sofía López referiu que a base do modelo da atención primaria da comunidade é o equipo multidisciplinar coordinado, no que cada categoría profesional desenvolve un papel imprescindible e, dentro dese modelo, o persoal de servizos xerais ten un papel fundamental.

O departamento sanitario galego traballa de maneira continua na ordenación, dimensionamento e na mellora organizativa dos recursos humanos de atención primaria. A tal efecto, e para achegar seguridade nesa organización, existe unha carteira de servizos específica para o persoal de servizos xerais neste nivel asistencial, onde se definen as súas funcións.

Referiu, ademais, que no marco dos grupos de traballo da reforma da atención primaria, se están a avaliar distintas medidas concretas para reforzar e consolidar a participación activa do persoal de servizos xerais.

Incidiu en que este persoal é unha peza estratéxica do sistema, resultando esencial para garantir a accesibilidade, a coordinación, a humanización e a continuidade asistencial.

A representante da Xunta rematou a súa intervención lembrando a aposta da Consellería de Sanidade pola escoita activa de todas as categorías profesionais e por unha política de portas abertas ao diálogo, ao consenso e ao traballo conxunto, como a mellor maneira de seguir a fortalecer o sistema sanitario público.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2026