O xerente do Sergas, José Ramón Parada, explicou na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego a dotación de persoal sanitario no concello coruñés
O Servizo Galego de Saúde subliña que a cobertura sanitaria na Laracha está garantida con ratios que melloran as recomendacións para poboación adulta e pediátrica
No municipio, as ratios de tarxetas sanitarias por médico sitúase en 1.221 e por pediatra en 595, unha cifras notablemente inferiores aos estándares marcados polas sociedades científicas
A cobertura sanitaria préstase coa actividade coordinada do Centro de Saúde da Laracha, o consultorio de Caión e o Punto de Atención Continuada da Laracha-Cerceda
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2026
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, defendeu esta mañá no Parlamento galego a calidade e o correcto dimensionamento da asistencia sanitaria no centro de saúde da Laracha, incidindo en que a cobertura está garantida, con ratios que melloran as recomendacións para poboación adulta e pediátrica.
No marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, Parada subliñou que a cobertura sanitaria se presta coa actividade coordinada do Centro de Saúde da Laracha, o consultorio de Caión e o Punto de Atención Continuada da Laracha-Cerceda.
Durante a súa intervención, o responsable autonómico lembrou as ratios que rexistra o concello coruñés no que atinxe ás tarxetas individuais sanitarias por profesional. Así, explicou que a ratio de medicina de familia na Laracha se sitúa en 1.221 TIS por médico e que, no caso de pediatría, esta ratio está fixada en 595 TIS por pediatra. En ambos os casos, estes indicadores están por debaixo da media da área sanitaria da Coruña e Cee e cumpren amplamente cos estándares recomendados polas sociedades científicas (1.500 pacientes por facultativo).
“Estas ratios non son unha opinión do Goberno galego; son unha medición obxectiva de cantos pacientes atende cada profesional, e amosan que A Laracha está mellor dimensionada que a media“, salientou o xerente do Sergas.
Un cadro de persoal dotado con 38 profesionais
Na actualidade, un total de 38 profesionais sanitarios e administrativos desenvolven a súa actividade nos centros asistenciais do concello da Laracha. En concreto, trátase de 8 médicos de familia —un deles no consultorio de Caión—, 2 pediatras, 7 enfermeiras —unha no consultorio de Caión—, 4 persoas en funcións administrativas, 1 matrona, 2 enfermeiras do Equipo de Soporte a Domicilio,1 dietista-nutricionista, 1 psicólogo clínico, e 12 profesionais máis no ámbito do PAC.
Ademais, o cadro de persoal viuse reforzado no último ano coa incorporación dunha enfermeira especialista en medicina de familia e comunitaria, un pediatra e un psicólogo clínico.
Criterios técnicos obxectivos e quenda de tarde
No que atinxe á petición da implantación dunha quenda de tarde no centro de saúde da Laracha, o xerente do Servizo Galego de Saúde sinalou que ese tipo de decisións non son "nin discrecionais, nin caprichosas", senón que deben responder á evolución real da demanda asistencial.
Sobre este particular incidiu en que na Laracha o incremento das cotas médicas nos últimos dez anos foi de tan só o 2,9 %, un crecemento moi moderado e que non xustificaría tecnicamente a apertura dunha nova franxa horaria. Así mesmo, abundou Parada, calquera urxencia a partir das 15,00 horas é atendida de inmediato no PAC, garantindo que ninguén teña que esperar por unha asistencia que non admita demora.
O xerente do Sergas pechou a súa intervención lamentando que se xeren alarmas innecesarias entre a cidadanía, cando os indicadores obxectivos ratifican a boa planificación da atención primaria na Laracha e, máis aínda, cando o conxunto do Sistema Nacional de Saúde sofre un déficit estrutural de médicos de familia.