Belén do Campo e a alcaldesa de Boimorto destacan os apoios da Xunta neste concello para a contratación de socorristas e de desempregados para tarefas de prevención de incendios
A delegada da Xunta destacou a importancia da colaboración institucional entre ambas administracións para dar resposta ás demandas dos veciños de Boimorto e avanzar na mellora das infraestruturas e servizos públicos do municipio
Boimorto (A Coruña), 29 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo unha xuntanza de traballo coa alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, no marco da rolda de encontros que está a desenvolver cos rexedores da provincia co obxectivo de avaliar as necesidades prioritarias dos distintos municipios.
Durante o transcurso da reunión, a delegada da Xunta lembrou que este ano o Concello xa ten confirmada unha achega de preto de 3.000 euros para a prestación do servizo de socorristas na piscina municipal xestionada directamente polo concello. Trátase de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais ou instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal no período entre o 1 de xuño e o 30 de setembro. Con estas axudas, o Goberno galego busca fomentar a prestación do servizo de socorrismo por parte dos municipios nas épocas de maior concorrencia.
Ademais, este municipio tamén conta, este ano, cun apoio do Goberno galego de case 34.000 euros a través do Programa Rural Activo para a contratación de dous traballadores. Estas subvencións teñen como obxecto promover accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais de Galicia de menos de 50.000 habitantes, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Ditas persoas realizarán tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes e a xestión da biomasa.
A delegada da Xunta tamén lle confirmou no encontro que este municipio recibirá unha achega do Fondo de compensación ambiental (FCA) non competitivo deste ano para a adquisición dunha retroexcavadora grazas a un apoio de 7.000 €. estas achegas están a disposición dos concellos que contan no seu territorio con algún parque eólico ou líñas de evacuación.
Finalmente, a delegada da Xunta destacou a importancia da colaboración institucional entre a Xunta e o Concello para dar resposta ás demandas dos veciños de Boimorto e avanzar na mellora das infraestruturas e servizos públicos do municipio.