Román Rodríguez destaca o traballo do instituto de Ortigueira no impulso das vocacións STEM a través da feira científico tecnolóxica do Ortegal

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visita a segunda edición desta cita, na que oito centros da comarca expoñen o seu traballo

Pon en valor a utilidade do programa Club de Ciencia neste ámbito, grazas a unha dinámica de traballo práctico en equipo que esperta o interese dos máis novos

Ortigueira (A Coruña), 29 de maio de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe o traballo do Instituto de Ortigueira no impulso das vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) do alumnado. Fíxoo na súa visita á II Feira Científica Tecnolóxica do Ortegal, organizada por este centro e na que un total de 650 estudantes de oito colexios e institutos da comarca expoñen os seus proxectos neste eido.

O titular do departamento educativo da Xunta puxo en valor a utilidade do programa Club de Ciencia, impulsado pola Consellería, neste ámbito. De feito, é a través desta iniciativa como naceu a feira. Neste sentido, lembrou que os alumnos participantes nesta actividade traballan en equipo propoñendo e resolvendo cuestións relacionadas cos diferentes campos da ciencia e das posibles aplicacións da tecnoloxía. “En definitiva, os clubs de ciencia espertan o interese dos máis novos nestes campos do saber e o excelente resultado pode comprobarse nos espazos expositivos desta feira”, afirmou.

A feira conta con 15 stands nos que se presentarán diferentes experimentos, proxectos e actividades vinculadas á ciencia, á tecnoloxía e á innovación educativa. A programación inclúe tamén diferentes obradoiros organizados e dirixidos polo propio alumnado.

A cita está organizada polo Club de Ciencia do Instituto de Ortigueira e o Centro de Formación e Recursos do Profesorado de Ferrol coa colaboración do Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Concello de Ortigueira. Participan, ademais do centro anfitrión, os colexios José María Lage (Ortigueira), Manuel Fraga Iribarne (Cariño), Nicolás del Río (Cedeira) e Francisco López Estrada (Mañón), o Centro Público Integrado de San Sadurniño e os IES Cabo Ortegal (Cariño) e Punta Candieira (Cedeira).

Tamén están implicadas a Consellería de Política Social e Igualdade, a Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática, a Asociación pro minusválidos do Ortegal, a Biblioteca Pública Municipal Juan Fernández Latorre, a Escola de Gaitas de Ortigueira e a Escola Municipal de Música de Ortigueira.

Data de actualización: 29/05/2026