María José Gómez destaca as potencialidades do territorio galego e a diversidade produtiva durante a visita á finca A Azoreira do Valadouro
A conselleira do Medio Rural visitou a plantación de viñedo de máis de 3 hectáreas de superficie, e a cal exemplifica o amplo abano de oportunidades que brinda o sector primario en Galicia nunha zona como é A Mariña
Salientou o papel do seu promotor, Antonio Seijas, por impulsar este viñedo apostando pola calidade dos produtos galegos, ao mesmo tempo que contribúe á xestión do territorio e da súa prevención fronte aos incendios forestais
Ademais, lembrou os apoios do Goberno galego ao sector vitivinícola, con varias liñas de axudas que supoñen un investimento anual duns 12 M€
O Valadouro (Lugo), 30 de maio de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe a plantación de viñedo da finca A Azoreira, no concello do Valadouro, impulsada por Antonio Seijas. Nela, destacou as potencialidades do territorio galego e a diversidade produtiva en Galicia. Puxo como exemplo esta explotación da Mariña, unha zona que non é coñecida polo seu sector vitivinícola, pero na que tamén se pode desenvolver un proxecto neste eido produtivo.
Neste sentido, destacou o papel do promotor desta plantación que amosa as oportunidades que ofrece o sector primario. Por iso, enxalzou o seu esforzo por impulsar esta plantación na súa terra natal e apostar pola calidade dos produtos galegos. De feito, Antonio Seijas é un dos promotores da celebración da Festa do Albariño de Palma de Mallorca, onde reside.
A maiores, a conselleira subliñou a importancia do cultivo do viño como factor de desenvolvemento económico e de impulso ao territorio, así como de elemento de prevención fronte aos incendios forestais. Nesta liña, reafirmou o apoio da Xunta ao sector, con axudas para reestruturación e reconversión de viñedo; para a promoción do viño galego en mercados de terceiros países; para investimentos en elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas; e tamén unha liña específica para a conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión de viñedos na Ribeira Sacra, o que configura un amplo paquete de apoio de 12 millóns de euros anuais.