A Xunta recibe catro ofertas para executar a mellora do estacionamento público na contorna da Ponte da Barca, que suporá un investimento de case 230.000 €

A intervención enmárcase no Plan Hurbe e suporá a mellora do firme e as beirarrúas existentes, así como a eliminación de barreiras arquitectónicas para acadar unha contorna máis segura, accesible e homoxénea

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recibiu un total de catro ofertas para executar as obras para a mellora do estacionamento público na contorna da Ponte da Barca, que suporá un investimento total de preto de 230.000 euros.

O ámbito onde se desenvolverá a intervención está situado na parroquia de San Salvador, nunha zona de elevada actividade comercial e de servizos, con presenza de tráfico rodado e peonil continuo. A contorna forma parte da estrutura viaria principal e conecta coa PO-308, constituíndo un espazo de gran relevancia para a mobilidade local. 

Trátase de mellorar os viarios de acceso ao centro comercial e acondicionar o aparcamento público.

Así, rehabilitarase o firme, acondicionaranse as beirarrúas e eliminaranse as barreiras arquitectónicas, contribuíndo así a facilitar a mobilidade nun espazo tan frecuentado. O obxectivo é acadar unha zona máis segura, accesible e visualmente homoxénea, garantindo a continuidade dos itinerarios peonís e de vehículos.

De acordo ao convenio asinado entre Xunta e Concello para colaborar nesta intervención a través do Plan Hurbe, a Administración autonómica asumirá o 70% do investimento da actuación, mentres que o Concello de Poio aportará o 30% restante.

Os traballos enmárcanse no Plan Hurbe, co que o departamento que dirixe María M. Allegue colabora coas administracións locais no financiamento de diferentes tipos de intervencións urbanísticas, actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

Ademais, a través de distintas medidas e de liñas de colaboración como o Plan Hurbe, o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

Data de actualización: 01/06/2026