O presidente do Executivo galego respondeu no Pleno do Parlamento de Galicia as preguntas dos grupos parlamentarios
Rueda salienta a capacidade de Galicia para aproveitar oportunidades e atraer investimentos industriais internacionais
Lembra que o futuro complexo industrial de SAIC en Ferrol suporá 2.300 empregos directos e indirectos nunha primeira fase, 200 millóns de euros de investimento e 120.000 vehículos ao ano
Encomia o talento mozo, tecido industrial, estabilidade política, e aposta pola I+G+i, a I+D+i galega, que caracterizan á nosa comunidade
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe a capacidade da nosa comunidade para aproveitar oportunidades e atraer investimentos industriais internacionais.
Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, o titular do Goberno galego afirmou que o futuro desenvolvemento do complexo industrial da empresa de fabricación de vehículos china SAIC en Ferrol, declarado Proxecto Industrial Estratéxico no último Consello da Xunta, é un “proxecto de país” para o que agarda seguir contando coa “colaboración do Goberno central”. Tal e como lembrou, suporá 2.300 empregos directos e indirectos nunha primeira fase, 120.000 vehículos ao ano e 200 millóns de euros de investimento.
Rueda salientou que Galicia “ten moitas razóns, argumentos e méritos para atraer investimentos” como o previsto por SAIC na nosa comunidade, que vai beneficiar a “toda unha comarca”. Neste sentido, referiuse ao talento mozo, ao tecido industrial, aos recursos naturais, á estabilidade política, e á aposta pola I+G+i -a I+D+i galega- que caracterizan á nosa terra.