O titular de Sanidade aclarou no Parlamento de Galicia as medidas que a Xunta está a poñer en marcha co Plan de Mellora da xestión e control da incapacidade temporal

Gómez Caamaño lembra que é o Instituto Nacional da Seguridade Social quen establece o indicador de duración idónea das baixas e incentiva por cumprilo

Indica que a Seguridade Social recolle nos seus convenios coas comunidades autónomas o establecemento de incentivos a médicos de atención primaria para promover que a duración das baixas se axuste ao tempo óptimo de recuperación

Deixa claro que as actuacións levadas a cabo pola Xunta para a mellora da xestión da incapacidade temporal non implican ningunha alteración dos criterios clínicos

Insiste en que a Consellería de Sanidade traballa en mellorar as causas organizativas que poden prolongar as baixas laborais máis alá do tempo necesario

Reitera os beneficios da redución da burocracia coa integración da información das mutuas na historia clínica do Servizo Galego de Saúde, a emisión de partes de baixa directamente desde os hospitais ou o modelo de autorización única para probas

Ao mesmo tempo, destaca o reforzo de persoal con 18 novos inspectores e subinspectores sanitarios

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que é o Instituto Nacional da Seguridade Social quen establece os indicadores de duración idónea das baixas laborais e incentiva economicamente o seu cumprimento por parte dos facultativos de atención primaria.

Así, remarcou que a Seguridade Social, dependente do Goberno central, recolle nos seus convenios coas comunidades autónomas os tempos de duración media dos procesos de incapacidade laboral e os incentivos económicos a médicos de atención primaria para promover que a duración das baixas se axuste a eses períodos óptimos de recuperación marcados polo propio Instituto Nacional da Seguridade Social.

Ese organismo estatal fixo público no Boletín Oficial do Estado do 23 de xaneiro de 2025 o seu obxectivo de “implicar, por medio de incentivos económicos, aos médicos de atención primaria, como principais responsables da emisión dos partes de incapacidade, e adecuar a duración dos procesos de incapacidade temporal aos días estritamente necesarios para a recuperación funcional dos traballadores en situación de baixa laboral”.

Gómez Caamaño sinalou que a incapacidade laboral é unha prestación sanitaria e o deber da Consellería de Sanidade é velar polo seu bo funcionamento e xestión, tendo en conta, ademais, que se trata dunha realidade con impacto nos traballadores, nas empresas, no sistema sanitario e tamén na sostibilidade dos servizos públicos.

Tendo en conta iso, Gómez Caamaño lamentou a “polémica artificial” creada polos partidos da oposición ao presentar como cuestións clínicas o que en realidade son medidas organizativas recollidas nos obxectivos de xestión do Servizo Galego de Saúde, de forma coherente co establecido no convenio co Instituto da Seguridade Social.

Do que se trata, apuntou, é de traballar para que ningún proceso de incapacidade temporal se prolongue máis alá do debido por razóns alleas á situación clínica do paciente pero que si estean relacionadas co funcionamento do sistema sanitario.

Con ese fin, resaltou que o Goberno galego traballa para optimizar a tramitación das baixas sen que iso supoña ningunha alteración dos criterios clínicos que rexen a prestación da incapacidade temporal. “Estamos a falar de melloras estritamente cinguidas ao eido da xestión”, insistiu o conselleiro.

Sinalou que o indicador relativo á mellora da xestión da incapacidade é un dos 53 introducidos nos acordos de xestión do Servizo Galego de Saúde e que, ademais,  xa se incorporara o pasado ano.

Medidas tomadas que reducen a burocracia

O titular de Sanidade enumerou as actuacións postas xa en marcha pola Xunta e que están a reducir as xestións e a burocracia dos trámites arredor da incapacidade temporal.

En beneficio directo dos pacientes e dos médicos de atención primaria, o Servizo Galego de Saúde está a facilitar partes de baixa tras cirurxías programadas directamente desde os hospitais e integrou a información das mutuas na historia clínica electrónica da sanidade pública para evitar que determinadas probas se tivesen que duplicar.

Outra medida de redución da burocracia é a recente creación dunha autorización única para as probas ou os tratamentos que realicen as mutuas co visto bo da Inspección Sanitaria.

Para poder dar resposta ás iniciativas do Goberno galego, este mesmo luns tomaron posesión novos inspectores e subinspectores sanitarios para reforzar os equipos das sete áreas sanitarias. A incorporación de 18 novos profesionais está prevista para tres anos, o que suporá un investimento extra de 3.026.709,24 euros.

Gómez Caamaño foi contundente ao transmitir a que “fronte aos discursos catastrofistas, nós confiamos nos médicos de familia e temos o convencemento de que realizan o seu traballo con absoluto rigor clínico e ético”. Por este motivo, salientou que ”mellorar a xestión das incapacidades temporais significa permitir que os profesionais poidan dedicar máis tempo á asistencia e menos á burocracia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2026