A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas interveu esta mañá no Parlamento

Allegue exixe volver ao acordo do Parlamento para permitir a viabilidade da transferencia da AP-9

Reivindicou que Galicia quere a transferencia, pero “sobre a base da vontade expresada na Cámara, non a calquera prezo”

Explicou que no texto alternativo de BNG e PSdG desaparecen a obriga do Estado de asumir futuras actuacións na AP-9 e a dotación para ampliar bonificacións a usuarios recorrentes

Apuntou que este texto tamén “elimina” as obrigas económicas do Estado no caso de nulidade das prórrogas pola UE

Reiterou que “se deixe o texto como estaba, como o acordou a Cámara” e lembrou que a transferencia debe vir acompañada dos recursos económicos necesarios para a súa xestión e para manter todos os compromisos adquiridos

Detallou que dos 231M€ que ingresou a concesionaria en 2025 pola AP-9, 145M€ procederon dos usuarios e os restantes 86M€ ao pago de bonificacións do Estado, é dicir, “un 63% dos galegos fronte a un 37% de bonificación do Estado, que pagamos todos”

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026

Allegue exixe volver ao acordo do Parlamento para permitir a viabilidade da transferencia da AP-9. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, reivindicou hoxe no Pazo do Hórreo que “Galicia quere a transferencia, pero sobre a base da vontade expresada na Cámara, non a calquera prezo”.

Explicou que o texto proposto como alternativa polo BNG e o PSdG “deixa fóra aspectos moi importantes que suporían un enorme lastre para os galegos”. Detallou que non prevé que o Estado asuma a supresión da aplicación do incremento de tarifa do 1% acumulativo anual , unha carga “inxusta” para os usuarios.

Lamentou que no texto alternativo desaparece a obriga do Estado de asumir futuras actuacións e  investimentos na AP-9; e ademais non aparece a dotación a Galicia dos medios económicos necesarios para ampliar as bonificacións a usuarios recorrentes a futuro.

Apuntou que “o texto elimina as obrigas económicas do Estado no caso de nulidade das prórrogas pola UE”.

Neste sentido, a conselleira reivindicou que “se deixe o texto como estaba, como o acordou esta Cámara”.

Ademais lembrou que a transferencia da AP-9 debe vir acompañada dos recursos económicos necesarios para a súa xestión e manter todos os compromisos adquiridos, tal e como constaba no acordo no Parlamento Galego que impulsou a Proposición de Lei Orgánica do Congreso.

Detallou que dos 231M€ que ingresou a concesionaria en 2025 pola AP-9, 145M€ procederon dos usuarios e os restantes 86M€ ao pago de bonificacións do Estado, é dicir, “un 63% que pagan os usuarios  fronte a un 37% de bonificación do Estado, que pagan os españois”.

Fixo fincapé en que o traspaso da AP-9 “é unha reivindicación de país e non pode converterse nun instrumento de negociación partidista, nin nacer da improvisación, nin dun acordo pechado, dando ás costas á posición unánime da Cámara galega”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2026