A Xunta reforza a colaboración con Aepa Ourense para impulsar o apoio ao colectivo autónomo e favorecer as sinerxías público-privadas a prol do emprendemento
Ourense, 4 de xuño de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, vén de reunirse con representantes da Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense (Aepa), para abordar a situación do traballo autónomo na provincia e afondar nas vías de colaboración co fin de fortalecer o apoio a este colectivo clave para a actividade económica e a xeración de emprego.
José González trasladou o compromiso do Goberno galego coas persoas traballadoras autónomas, poñendo en valor a orde unificada de axudas para o colectivo, dotada con preto de 41 M€ e estruturada en cinco liñas de apoio que abranguen todo o ciclo emprendedor, cun prazo de solicitude aberto ata o 30 de setembro. Ademais, salientou a aposta da Xunta pola colaboración público-privada como ferramenta esencial para impulsar o emprendemento, a través da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio e de iniciativas como a Rede Ultreia, que suma xa preto de 140 sinaturas —entre elas, a de Aepa— co obxectivo de compartir recursos, mellorar a coordinación e optimizar a atención ás persoas emprendedoras.