A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse esta mañá coa alcaldesa da localidade

A Xunta e o Concello de Trazo colaborarán para mellorar a área recreativa de Chaián

Entre outras accións, está previsto plantar árbores e arbustos nunha illa inundable da contorna co obxectivo de crear un espazo de sombra que axude a mitigar a calor no verán nesta zona intermedia 

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2026

A Xunta de Galicia colaborará co Concello de Trazo para acometer unha actuación de mellora na área recreativa de Chaián, segundo acordaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa da localidade, Josefina Suárez, durante unha reunión que mantiveron esta mañá.

Durante o encontro, a conselleira e a rexedora avaliaron o proxecto municipal que, entre outras accións, prevé a plantación de árbores e arbustos nunha illa inundable da contorna co obxectivo de crear un espazo de sombra que axude a mitigar a calor no verán nesta zona intermedia. Ao mesmo tempo, con esta actuación tamén se reducirá a escorrentía e se eliminarán especies herbáceas invasoras localizadas nesta área.

A área recreativa de Chaián, localizada xusto no límite co Concello de Santiago de Compostela, é un espazo natural ao carón do río Tambre, que dispón de mobiliario urbano para funcións de merendeiro na contorna da praia fluvial.

A conselleira puxo en valor o compromiso do concello coa posta en valor desta área fluvial e fixo fincapé na importancia de levar a cabo accións que garantan a conservación deste espazo natural así como o seu desfrute por parte de veciñanza e visitantes. Ademais, Ángeles Vázquez incidiu na necesidade de concienciar os usuarios destas áreas do valor da súa riqueza natural e da importancia de protexelo e preservalo entre todos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2026