O director xeral de Integración e Innovación Asistencial, Alfredo Silva, inaugurou hoxe a xornada Cinco anos de aplicación da Lei orgánica de regulación da eutanasia en Galicia, celebrada na Consellería de Sanidade

O Servizo Galego de Saúde destaca o compromiso dos distintos profesionais que participan na prestación da axuda a morrer en Galicia

Médicos responsables da prestación e consultores, persoal de enfermería, de farmacia, documentación clínica ou as direccións asistenciais das sete áreas sanitarias coordínanse para atender as necesidades de cada persoa

O ano pasado realizáronse 13 prestacións de axuda a morrer en Galicia cun tempo medio de 55,8 días, reducíndose con respecto ao ano anterior

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2026

O director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, valorou o compromiso de todos os profesionais implicados na prestación de axuda a morrer, na inauguración  da Xornada Cinco anos de aplicación da Lei orgánica de regulación da eutanasia en Galicia.

No evento, celebrado no salón de actos da Consellería de Sanidade, tamén participaron a subdirectora xeral de Atención Hospitalaria, Raquel Vázquez Mourelle, integrantes da Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia de Galicia e os profesionais implicados no proceso.

Neste sentido, Alfredo Silva mencionou expresamente o traballo de médicos responsables e consultores, persoal de enfermería, servizos de farmacia, documentación clínica, direccións asistenciais “e todos aqueles equipos que acompañan á persoa solicitante ao longo do procedemento, atendendo as súas necesidades biopsicosociais antes, durante e despois da prestación”.

O director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Sergas trasladou que a eutanasia é unha prestación que, desde a súa aprobación en 2021, foi “integrándose na actividade asistencial con todas as garantías clínicas, éticas e xurídicas previstas pola Lei”.

Así, o ano pasado en Galicia rexistráronse 44 peticións da prestación da axuda a morrer, materializándose esta prestación en 13 casos. Os tempos medios de resposta melloraron con respecto ao ano anterior, 55,8 días de media fronte aos 59 do ano 2024.

“Detrás dos procedementos, protocolos e das cifras hai persoas, que como as súas familias afrontan momentos de sufrimento e afrontan decisións complexas”, sinalou Alfredo Silva.

Por iso, o director xeral remarcou “o respecto, empatía e a sensibilidade que merece cada historia persoal”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2026