A Xunta mobilizou 45,3 M€ para impulsar o bo momento da economía social galega pechando 2025 con 250 entidades máis e 760 novas persoas socias
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social compareceu hoxe a petición propia na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos, para dar conta do desenvolvemento da Estratexia galega de economía social o pasado exercicio
Marta Mariño destacou a contribución autonómica a través de programas de apoio á creación de entidades, formación, consolidación empresarial e inserción laboral, con máis de 500 entidades apoiadas
Tamén puxo en valor o impacto da Rede Eusumo, que conta xa con 115 entidades e que desenvolveu en 2025 máis de 160 actividades formativas e de sensibilización, con case 3.200 persoas participantes, máis da metade mulleres
De cara a 2026, salientou o reforzo das ordes estratéxicas como Aprol Economía Social, Bono Consolida e ES-Transforma, así como das destinadas ás entidades de inserción e aos centros especiais de emprego
Tamén se sigue avanzando na colaboración transfronteiriza a través de iniciativas como ES-Factory, así como no programa que impulsa o liderado feminino na economía social galega, Medrando Xuntas
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2026
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, compareceu hoxe, a petición propia, na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos para dar conta do desenvolvemento da Estratexia galega de economía social durante o pasado exercicio. Na súa intervención, puxo de relevo a contribución deste modelo empresarial ao dinamismo económico de Galicia, nun ano no que se crearon preto de 250 novas entidades de economía social —entre cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción— que implicaron a incorporación de máis de 760 persoas socias promotoras, das que máis da metade son mulleres. Uns datos que, segundo salientou, evidencian a consolidación e o crecente protagonismo da economía social no tecido produtivo galego.
Para acadar estes resultados, Mariño destacou o esforzo investidor realizado pola Xunta a través dos 45,3 M€ destinados á economía social ao longo de 2025. Estes recursos, canalizados mediante programas de apoio á creación de novas entidades, á formación, á consolidación empresarial e á inserción laboral, permitiron dar resposta ás distintas necesidades do sector e apoiar máis de 500 entidades en todo o territorio galego.
A directora xeral tamén puxo en valor o papel da Rede Eusumo como ferramenta estratéxica para a promoción e fortalecemento da economía social. Na actualidade, a rede integra 115 entidades e desenvolveu durante o pasado ano máis de 160 actividades de formación, asesoramento e sensibilización, nas que participaron preto de 3.200 persoas.
Así mesmo, entre os principais fitos acadados en 2025, Mariño destacou os avances rexistrados na simplificación e modernización administrativa, que permitiron reducir o tempo medio de constitución das entidades ata os 29,3 días. Unha mellora, indicou, posibilitada grazas á asesoría virtual e á habilitación electrónica da totalidade dos procedementos de inscrición de novas cooperativas.
Do mesmo xeito, subliñou a creación de Galestat, o portal estatístico da economía social impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela co apoio da Xunta de Galicia. Esta iniciativa sitúa Galicia como a primeira comunidade autónoma en dispoñer dun portal estatístico específico sobre economía social desenvolvido no seu propio territorio e na súa lingua, reforzando así a capacidade de análise, coñecemento e seguimento deste ámbito de actividade.
Metas 2026
De cara ao presente exercicio, Marta Mariño remarcou que a Xunta mantén unha aposta decidida pola economía social, centrada no impulso á creación de novas entidades, na consolidación das xa existentes e na mellora da competitividade do sector. Para iso, continúa desenvolvendo programas estratéxicos como Aprol Economía Social, Bono Consolida e ES-Transforma, así como as liñas de apoio específicas dirixidas ás empresas de inserción e aos centros especiais de emprego.
Paralelamente, indicou que se sigue afondando nas iniciativas promovidas pola Rede Eusumo, entre as que destacan os novos Plans locais de economía social, orientados a achegar aos concellos as ferramentas e oportunidades que ofrece este modelo empresarial para favorecer o desenvolvemento económico e social dos territorios.
A directora xeral tamén avanzou que se continuará reforzando a colaboración transfronteiriza a través de proxectos como ES-Factory, actualmente na fase de transferencia e aproveitamento dos resultados obtidos. Entre eles, salientan o Atlas de Entidades de Economía Social de Galicia e Norte de Portugal e o Observatorio homónimo, instrumentos chamados a mellorar a visibilidade, o coñecemento e a análise do ecosistema de economía social no espazo eurorrexional. A estas actuacións súmanse iniciativas como Medrando Xuntas, programa orientado a fomentar o liderado feminino na economía social galega e a incrementar a presenza das mulleres nos espazos de decisión e emprendemento colectivo.
Finalmente, Mariño sinalou que 2026 será tamén un ano clave desde o punto de vista normativo, coa aprobación da nova Lei de Cooperativas de Galicia, coa que se actualizará o marco regulador do sector para adaptalo aos retos actuais e futuros nun contexto no que Galicia supera xa as 2.000 cooperativas activas.