A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e o alcalde de Baiona asinaron hoxe o convenio de colaboración necesario para a execución da obra
A Xunta e o Concello de Baiona destinarán 2,7 M€ á modernización da estación de tratamento de auga potable municipal para atender a máis de 30.000 persoas
Tras lembrar que esta infraestrutura foi construída nos anos 90, Ángeles Vázquez salienta que a actuación prevista permitirá resolver as limitacións da ETAP, mellorar a calidade da auga e ampliar nun futuro a súa capacidade de tratamento
Explica que as instalacións se renovarán integralmente para adecualas á normativa vixente e facelas compatibles cunha ampliación posterior para chegar ata 410 m3/h
Baiona (Pontevedra), 4 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia e o Concello de Baiona colaborarán para impulsar as obras de modernización e mellora da Estación de tratamento de auga potable (ETAP) municipal, unha actuación cun investimento previsto de 2,7 millóns de euros e que reforzará a calidade do servizo dunha infraestrutura preparada para atender as necesidades de máis de 30.000 persoas.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez, asinaron esta mañá o convenio no que se fixan os termos da colaboración entre Augas de Galicia —que aporta o 80% dos fondos— e o Concello —que achega o 20% restante— para a execución desta actuación, cofinanciada co apoio da Unión Europea a través do programa FEDER 2021-2027.
Tras lembrar que a actual potabilizadora de Baiona foi construída nos anos 90 e presenta unha serie de limitacións e problemas derivados do paso do tempo e dos cambios normativos que se foron introducindo neste eido, a responsable autonómica subliñou que coa actuación proxectada se espera resolver estas deficiencias ao tempo que se mellorará a calidade da auga subministrada e permitirá acometer unha futura ampliación da súa capacidade actual.
Con tal fin, acometerase unha renovación integral da infraestrutura (mellora de depósitos, automatización de sistemas...) para adecuala aos novos requisitos e exixencias normativas en materia de almacenamento de reactivos, instalacións eléctricas e seguridade industrial.
Ademais, a conselleira explicou que a actuación está deseñada cunha “visión de futuro”, para que sexa compatible cunha ampliación posterior da ETAP que permita incrementar en máis dun 30% a capacidade de tratamento coa que foi concibida a infraestrutura (que pasaría dos 313 m3/hora actuais ata os 410 m3/hora).
Así mesmo, a conselleira incidiu na importancia de modernizar e reforzar o funcionamento da ETAP de Baiona para poder garantir que un servizo esencial para a cidadanía como este se poida ofrecer de forma máis eficiente e segura e dando resposta ás novas necesidades dun municipio que, resaltou, incrementa de forma notable a súa poboación habitual durante os meses de verán.
Más de 31 M€ para avanzar en abastecemento
Esta actuación forma parte dun paquete plurianual de actuacións hidráulicas impulsado pola Xunta e que permitirá reforzar e mellorar a calidade do servizo de abastecemento de auga potable para máis de 306.000 persoas residentes en 26 concellos galegos.
En total, prevese mobilizar de aquí ao ano 2029 un investimento de aproximadamente 31,1 millóns de euros co obxectivo de reforzar os sistemas ante eventuais secas, períodos de picos de consumo de auga e as novas exixencias normativas e sanitarias, garantindo así abastecementos máis resilientes e eficientes.
Das nove actuacións incluídas neste paquete, as máis avanzadas son a ampliación da ETAP do Barbanza, en Padrón, practicamente rematada e na que se investirán 10,8 millóns de euros; a mellora do abastecemento de Ares, que comeza agora a súa execución cun orzamento de 4 millóns; e a actuación na potabilizadora de Baiona, que tras o convenio asinado hoxe entre ambas administracións se poderá licitar en breve.