Na clausura da xornada ‘Moverse en Galicia: dereito ou privilexio?’
Xosé Merelles destaca a importancia dunha mobilidade sostible e moderna e unha conectividade eficiente para impulsar a competitividade turística de Galicia
A mellora das conexións aéreas, o impulso ao tren en produtos turísticos e os investimentos en infraestruturas seguras, claves da mobilidade turística
Judit Fontela inaugurou o encontro e subliñou que Galicia foi a primeira Comunidade cunha Estratexia de Mobilidade con 99 medidas e 420M€
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo hoxe en valor a importancia de apostar por unha rede de mobilidade moderna, completa e sostible e unha conectividade aérea eficiente como elementos fundamentais para consolidar a oferta turística da comunidade. Así o asegurou durante a clausura da xornada Moverse en Galicia: dereito ou privilexio?, organizada pola Unión de Consumidores de Galicia.
Xosé Merelles incidiu na importancia de asegurar “non só a chegada de visitantes senón os seus desprazamentos por toda a comunidade”, e salientou a necesidade de avanzar cara a unha rede de transporte completa e diversificada, sempre desde criterios de sostibilidade e respecto polo medio ambiente e pola poboación local.
Esta perspectiva alíñase coa estratexia turística galega, que aposta por un turismo de calidade capaz de xerar riqueza e oportunidades ao tempo que preserva os recursos naturais e culturais do destino.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles tamén destacou que máis aló da aposta por estes modelos, a Xunta traballa de forma activa para mellorar a conectividade, como indica o seu esforzo na captación de novas rutas aéreas mediante a promoción en orixe. Neste sentido, Merelles destacou a recente posta en marcha da conexión aérea directa entre Santiago de Compostela e Nova York, operada por United Airlines, como un importante avance na apertura cara a un mercado estratéxico como é o estadounidense.
Ademais, ao respecto do Camiño de Santiago, o director de Turismo de Galicia lembrou o Plan de Seguridade Viaria da Xunta, que abrangue actuacións en máis de 150 quilómetros en 80 concellos co horizonte do próximo Ano Santo, e para o que está previsto un orzamento de 40 millóns de euros.
Estratexia Galega de Mobilidade
Pola súa banda, a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, destacou que a Estratexia Galega de Mobilidade, aprobada en 2024, converteu Galicia na primeira comunidade en contar cunha planificación integral da mobilidade a longo prazo. Fontela subliñou que este instrumento contempla 99 medidas e un investimento próximo aos 420 millóns de euros para avanzar cara a un modelo de mobilidade sostible que garanta desprazamentos máis accesibles, seguros e eficientes para toda a cidadanía galega, con independencia do seu lugar de residencia.
Con ese obxectivo, a directora xeral de Mobilidade urxiu rematar co déficit ferroviario en Galicia. Instou o Goberno central a axilizar o Corredor Atlántico ata Ferrol polo norte e ata Portugal polo sur e a acelerar a alta velocidade entre Vigo e Oporto, tanto para facilitar o tráfico de mercadorías como para brindarlle un mellor servizo ás persoas usuarias, tamén con máis prazas e mellores frecuencias.
Así mesmo, Fontela puxo o foco na importancia de reforzar a conectividade aérea dos tres aeroportos galegos e subliñou que a Xunta aposta pola colaboración institucional para captar rutas que sexan rendibles e sostibles no tempo, sumándose ao modelo de Aena de promoción turística en orixe.