O titular de Sanidade deu a benvida aos novos estudantes MIR que completarán a súa formación nos centros sanitarios da área compostelá

Gómez Caamaño dá a benvida aos 123 residentes que inician a súa formación especializada “de excelencia” na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza

Destaca que Galicia conta este ano coa maior oferta formativa da súa historia con 682 prazas e un investimento de máis de 94 M€

Dos 123 novos profesionais da área santiaguesa, 83 pertencen a especialidades hospitalarias e 40 a medicina familiar e comunitaria

A especialidade de pediatría é a que conta maior de número de residentes, mentres que os centros de saúde Concepción Arenal e de Noia serán os que acollan a un maior número de profesionais

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá no acto de acollida dos 123 novos residentes que inician a súa formación sanitaria especializada e “de excelencia” na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.

Na compaña do xerente da área sanitaria compostelá, Ángel Facio, o titular de Sanidade deu a benvida aos novos profesionais do Servizo Galego de Saúde e salientou que desde hoxe forman parte “dun dos mellores sistemas sanitarios do mundo”. 

Segundo precisou, dos 123 novos profesionais da área santiaguesa, 83 pertencen as diferentes especialidades hospitalarias, sendo pediatría a que maior número de residentes acolle, con 6 MIR,  mentres que 40 residentes optaron pola especialidade de medicina familiar e comunitaria.

Durante a súa intervención, Gómez Caamaño apuntou que os centros de atención primaria que recibirán un maior número de profesionais serán o centro de saúde Concepción Arenal e o centro sanitario de Noia.

Así mesmo, entre as novidades que presenta esta nova promoción destacada deste ano, destaca o estreo da formación sanitaria especializada en urxencias e emerxencias.

A maior oferta formativa da historia de Galicia

O Servizo Galego de Saúde acollerá este ano a un total de 682 residentes —entre médicos, enfermeiras, psicólogos ou farmacéuticos—, o que supón a maior oferta formativa da historia da comunidade. 

Para o seu financiamento, o Goberno galego destina neste exercicio máis de 94 millóns de euros co obxectivo de  formar aos profesionais sanitarios do futuro. 

Gómez Caamaño concluíu a súa intervención augurando unha etapa "apaixonante de traballo, crecemento persoal e aprendizaxe", na que os residentes contarán co apoio de docentes e titores altamente cualificados e cos recursos dun complexo hospitalario que é referente en investigación, innovación e formación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2026