María José Gómez sinala a Bienal de Cartelismo de Terras Gauda como un punto de encontro global do deseño gráfico e a creación vencellada ao viño

A conselleira do Medio Rural sinalou que este certame é un xeito de contarlle ao mundo a realidade galega, caracterizada por un medio rural moderno, creativo e innovador, a través do viño das Rías Baixas

Vigo, 5 de xuño de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; e polas directoras xerais de Formación Profesional, Eugenia Pérez; e de Xuventude, Lara Meneses; participou esta tarde na entrega de premios da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda – Concurso Francisco Mantecón. Durante a súa intervención, destacou este acto como un referente e un “punto de encontro global” do deseño gráfico e a creación contemporánea vencellada ao viño e ao territorio.

Seguindo esta liña, sinalou que este certame é un xeito de contarlle ao mundo a realidade galega, caracterizada por un medio rural moderno, creativo e innovador, a través do viño das Rías Baixas. María José Gómez recoñeceu tamén o importante labor que desenvolve a bodega Terras Gauda na organización deste evento, “un proxecto cunha visión que vai moito máis alá do ámbito vitivinícola”.

Neste sentido, este sector é unha prioridade para o Goberno autonómico. Para potencialo, a Consellería do Medio Rural inviste ao redor de 12 millóns de euros anuais en liñas de achegas que van dirixidas de xeito específico aos viticultores galegos. 

Bienal de Cartelismo

A Bienal de Cartelismo Terras Gauda – Concurso Francisco Mantecón conta con apoio da Xunta e celebra neste 2026 o seu 25 aniversario, no que acadou un fito histórico de participación con 2.120 carteis procedentes de 82 países dos cinco continentes. 

Data de actualización: 05/06/2026