Belén do Campo asiste á entrega dos premios da XIII edición do concurso literario escola “Carta a un Militar Español”
A delegada da Xunta destacou o valor educativo dunha iniciativa que fomenta entre a mocidade o coñecemento das Forzas Armadas e dos valores do esforzo, o compromiso e o servizo público
A Coruña, 8 de xuño de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu esta mañá ao acto de entrega dos premios da XIII edición do concurso literario escolar “Carta a un Militar Español”, celebrado na sede da Delegación de Defensa en Galicia e presidido polo delegado de Defensa en Galicia.
Durante o acto, a representante do Goberno galego felicitou aos alumnos galardoados, ás súas familias e aos centros educativos participantes, destacando a calidade dos traballos presentados e o interese da mocidade por coñecer a historia, a labor e os valores das Forzas Armadas españolas.
Belén do Campo puxo en valor a consolidación dun certame que alcanza xa a súa décimo terceira edición e que se converteu nun referente para promover a reflexión, a creatividade literaria e o coñecemento da cultura de defensa entre os estudantes. O certame está dirixido a estudiantes de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato e Formación Profesional de grao medio.
Nesta XIII edición, o certame desenvolveuse baixo o lema “Plus Ultra: a audacia que cruza horizontes”, coincidindo coa conmemoración do centenario do histórico voo do hidroavión Plus Ultra, unha das grandes fazañas da aviación española. A través das súas cartas, os participantes reflexionaron sobre a valentía, o espírito pioneiro e a capacidade de superación dos militares que protagonizaron aquel fito histórico.
Belén do Campo destacou tamén a importancia de que os estudantes coñezan, a través deste tipo de iniciativas, o labor que desempeñan as Forzas Armadas tanto nas súas misións internacionais como nas actuacións de apoio á poboación en situacións de emerxencia, catástrofes naturais ou crises humanitarias.
O acto concluíu coa entrega dos diplomas e recoñecementos aos alumnos premiados e coa lectura da carta gañadora.