Así o sinalou no acto de entrega do VII Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía á doutora e investigadora Sonia Eiras polo seu proxecto de terapias preventivas que reducen o tecido adiposo disfuncional asociado á patoloxía valvular e coronaria mediante medicina de precisión
O xerente do Servizo Galego de Saúde remarca o compromiso da Xunta na loita contra as enfermidades cardiovasculares e a posición de referencia na atención a estas patoloxías
Subliña que a aposta do Executivo galego reflíctese nunha estratexia centrada na prevención, na atención especializada e na investigación
Destaca o traballo das unidades de rehabilitación cardíaca, que permiten reducir recaídas, mellorar a recuperación dos pacientes e avanzar nunha atención máis personalizada
Refire os importantes investimentos da Xunta en tecnoloxía e en programas pioneiros, que sitúan Galicia nunha posición de referencia na atención cardiovascular
Remarca o labor desenvolvido pola galardoada hoxe, Sonia Eiras, ao abrir novas vías cara á medicina de precisión e á identificación máis temperá dos pacientes de risco
Lembra que Galicia conta con profesionais de enorme talento e cun sistema sanitario comprometido coa mellora continua da atención cardiovascular
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2026
O novo xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León Mateos, remarcou hoxe o compromiso da Xunta por reforzar a resposta do sistema sanitario na loita contra as enfermidades cardiovasculares, principal causa de morte en Galicia.
O representante do departamento sanitario galego, acompañado do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, interveu no acto de entrega do VII Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía que recaeu na doutora Sonia Eiras polo seu proxecto de terapias preventivas que reducen o tecido adiposo disfuncional asociado á patoloxía valvular e coronaria mediante medicina de precisión.
O xerente do Sergas incidiu en que a aposta do Executivo galego se basea nunha estratexia centrada na prevención, na atención especializada e na investigación.
Ao respecto, Luis León dixo que o Executivo galego está a avanzar cara un modelo máis integrado e resolutivo. Como exemplo recente puxo o traballo nas unidades de rehabilitación cardíaca, que permiten reducir recaídas, mellorar a recuperación dos pacientes e avanzar cara a unha atención máis personalizada, grazas ao traballo dun equipo multidisciplinar.
Para Luis León, este tipo de iniciativas compleméntanse con investimentos en tecnoloxía e con programas pioneiros que sitúan Galicia nunha posición de referencia na atención cardiovascular.
Elemento clave
Na súa intervención no acto, o xerente do Sergas considerou a investigación como o elemento clave para mellorar o futuro na loita contra estas enfermidades.
Neste senso, remarcou o labor desenvolvido pola investigadora premiada, Sonia Eiras, que representa perfectamente a liña de traballo que integra coñecemento básico e aplicación clínica, abrindo novas vías cara á medicina de precisión e á identificación máis temperá dos pacientes de risco.
Para Luis León, o recoñecemento non só destaca unha traxectoria excelente, senón que pon en valor o papel da ciencia como motor de progreso do sistema sanitario galego.
Para concluír a súa intervención, remarcou que Galicia conta con profesionais de enorme talento e cun sistema sanitario comprometido coa mellora continua da atención cardiovascular.