A Xunta colabora na mellora das instalacións da Casa Indiana de Curtis para garantir a eficiencia e o confort na prestación dos servizos municipais

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou hoxe o edificio de uso público para comprobar as actuacións realizadas cunha achega superior aos 48.000 euros

Instalouse un sistema de climatización interior mediante sistema centralizado de calefacción

O Goberno galego contribuíu tamén na mellora do equipamento da asociación veciñal de Santa María de Fisteus cun investimento de 5.000 euros no marco do Plan específico de acción comunitaria

Curtis (A Coruña), 9 de xuño de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe as melloras realizadas co apoio da Xunta no edificio de uso público de Curtis coñecido como Casa Indiana. A través dun convenio, o Goberno galego destinou máis de 48.000 euros á instalación dun sistema de climatización interior mediante sistema centralizado de calefacción, que permite garantir condicións óptimas de confort térmico no edificio rehabilitado.

Segundo sinalou Diego Calvo, o obxectivo é garantir a prestación dos servizos municipais nas mellores condicións tanto para o persoal como para as persoas usuarias. O conselleiro enmarcou a iniciativa no apoio da Xunta ao eido local, con diferentes liñas que permitiron no último ano impulsar preto dun milleiro de proxectos distribuídos en practicamente todos os concellos galegos, promovidos tanto por parte das administracións locais como de colectivos veciñais.

Así, os concellos contan cada ano con diferentes convocatorias destinadas a facilitar a mellora de infraestruturas e equipamentos municipais, como a orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros, o Fondo de Compensación Ambiental, que conta con máis de 11,4 millóns de euros, e o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) para actuacións de carácter estratéxico, que neste exercicio aumentou o orzamento a 10 millóns de euros.

O concello de Curtis recibiu nos últimos anos máis de 2,3 millóns de euros en achegas da Xunta a través das liñas de apoio ás administracións locais. Entre as actuacións máis recentes impulsadas polo Goberno galego figuran melloras nos servizos de abastecemento, en pavillóns deportivos e en sendas e camiños, así como a adquisición de diverso equipamento para servizos municipais.

Apoio aos colectivos veciñais

No marco desta visita, Diego Calvo coñeceu tamén as melloras realizadas pola asociación veciñal de Santa María de Fisteus co apoio da Xunta a través do Plan específico de acción comunitaria. Así, a achega de 5.000 euros do Goberno galego destinouse á compra dunha bomba de calor, electrodomésticos e material informático e audiovisual para facilitar o desenvolvemento das actividades culturais, sociais e deportivas que organiza a asociación.

Cómpre lembrar que o Plan específico de acción comunitaria, dotado este ano con 3 millóns de euros, está dirixido a asociacións veciñais e de mulleres rurais, así como a comunidades de usuarios de augas no marco do compromiso do Goberno galego co asociacionismo, polo importante traballo que desempeñan na dinamización da vida local e na mellora da calidade de vida da cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2026