O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP presidiu onte a reunión deste órgano para facer balance do actual curso e avanzar as novidades do próximo

A futura Lei de educación dixital de Galicia incorpora preto dunha trintena de achegas do Consello Escolar de Galicia

Román Rodríguez agradece ao conxunto da comunidade escolar as súas aportacións para enriquecer esta norma pioneira no conxunto do Estado

Moitas das propostas recibidas non se poden incorporar agora porque non son obxecto da lei, pero serán tidas en conta nos futuros desenvolvementos normativos

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2026

A futura Lei de educación dixital de Galicia incorporará preto dunha trintena de achegas por parte do Consello Escolar de Galicia, o órgano colexiado de debate e reflexión no eido do ensino onde están representados o conxunto dos actores que conforman a comunidade escolar como son as familias, o alumnado, o profesorado, os centros, as organizacións sindicais e as distintas administracións, entre outros.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presidiu onte a reunión do Consello Escolar de Galicia, no que se abordaron novas accións para o vindeiro curso, entre as que destacan a normativa en educación dixital, así como as novas medidas de avance en materia de atención á diversidade e ratios que reforzarán as melloras que empezaron a implantarse hai dous cursos en cumprimento do Acordo de melloras de 2023.

No que atinxe á futura Lei de educación dixital de Galicia, que entra xa nos últimos pasos para aprobación definitiva no Consello da Xunta e remisión ao Parlamento, Román Rodríguez aproveitou para agradecer as achegas realizadas no período de exposición pública do texto lexislativo que o converten no máis participativo da historia de Galicia, e que van na liña do xa acontecido no período de consulta pública previa.

Así mesmo explicou estar de acordo con moitas das 199 propostas recibidas nesta última fase expositiva que, por técnica normativa, non se poden incorporar porque non son obxecto da lei, pero son moi valiosas e teranse en conta para posteriores desenvolvementos normativos. De feito, 115 son achegas de adición, isto é, que propoñen engadir e enriquecer o texto base sobre cuestións como o uso dos teléfonos móbiles, a regulación da formación ou garantías de recursos entre outros que, na práctica, deberán canalizarse a través dos distintos plans de despregamento normativo.

Atención á diversidade

Por outra parte, o titular de Educación do Goberno galego presentou un informe sobre o novo paquete de melloras na educación que serán efectivas desde setembro e que amplían e intensifican o alcance das medidas do Acordo de 2023 enfocadas a blindar a calidade do sistema educativo galego.

Román Rodríguez fixo especial fincapé na posta en marcha do Plan de atención á diversidade, ao abeiro do cal desde o próximo curso refórzanse e consolídanse un total de  400 prazas de especialistas de Pedagoxía Terapéutica, de Audición e Linguaxe e de Orientación. Malia explicar que todo o que se faga neste eido nunca é suficiente”, o conselleiro de Educación subliñou que Galicia vai no bo camiño e estes novos apoios nas aulas, xunto coa ponderación do alumnado con necesidades á hora de conformar grupos que opera desde hai dous curso, permitirán reforzar aínda máis o liderado galego a nivel estatal no que respecta a unha atención máis personalizada nas aulas.

Ademais, o vindeiro curso completarase a redución de ratios de 25 a 20 alumnos en toda a etapa de Infantil e en setembro de 2027 comezará a aplicarse en Primaria, tamén de 25 a 20, e un ano despois empezará na ESO de 30 a 25.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2026